Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro pregunta pola nave da empresa concesionaria da recollida do lixo

SON VIVEIRO expuxo, para a súa inclusión no vindeiro Pleno do Concello viveirense, unhas preguntas relativas á construción da nave por parte de Cespa S. A., empresa concesionaria do lixo, tal e como establece o contrato firmado no ano 2000 e que na actualidade continúa a ser un mero compromiso.

No Pleno celebrado o día 26 de febreiro de 2015, en sesión extraordinaria e urxente, foi aprobada polos grupos municipais do PSOE e IVI a prórroga do contrato de recollida do lixo durante dous anos, ata decembro de 2017.

A aprobación de dita prórroga veu provocada pola falta de previsións dos distintos gobernos municipais que non foron quen de poñer a disposición da concesionaria uns terreos axeitados nos que construír unha nave central dunha superficie mínima de quiñentos cinco metros cadrados dotada de, cando menos, as seguintes zonas: aparcadoiro, lavadoiro, taller, almacén, oficina, aseos e vestiarios.

O 4 de decembro de 2005, un informe emitido por Intervención con motivo da modificación do contrato do lixo, di:

“Según la documentación y consultas realizadas a personas que intervinieron en la tramitación del contrato original, entre las razones que fundamentaron la adjudicación de la concesión a Inusa se encontraba la construcción de la nave mencionada en el término municipal, sin especificar que fuese en terrenos del Ayuntamiento. La cesión de este terreno, al menos debe suponer un menor canon que debe pagar el Ayuntamiento o el incremento o mejora de los servicios de la empresa sin un aumento proporcional del precio del contrato”.

O 23 de decembro de 2005, a empresa Cespa S.A. comprométese a iniciar a construción da nave que figura na oferta, por un importe de 120.202,42 €.

Co gallo de minimizar, sempre que sexa posible, a necesidade de convocatoria de novas sesións extraordinarias e urxentes a este respecto, a formación que representa Marcos Besada formulou as seguintes preguntas:

1. Existe informe xurídico que esclareza se é o Concello ou a concesionaria quen debe aportar o terreo onde se edifique a nave?

2. De construirse no polígono industrial de Landrove, cal é o número da parcela onde se edificará?

3. Cal é o custo da citada parcela?

4. Cal vai ser o valor actual de dita nave?

5. Hai establecida unha data límite para o remate da construción da nave por parte da empresa concesionaria?

6. Ten elaborado o goberno municipal algún estudo sobre a posibilidade de xestionar directa ou mancomunadamente os servizos públicos de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e limpeza de espazos públicos no termo municipal de Viveiro a partir do 27 de decembro de 2017, data na que remata a prórroga de dous anos concedida a Cespa S. A.?

Exit mobile version