“Os verdadeiros protagonistas serán os nenos/as pero teremos o privilexio de que os tres clubs, de tres xeracións diferentes, poidan participar no campus para compartir sabedoría, experiencias e anécdotas cos máis pequenos” explicaba Juanma Marrube na presentación de “Máis que Fútbol”, agradecendo a colaboración tanto das tres entidades coma do Concello, ademais do apoio do CD Burela FS Pescados Rubén e de Gadis, “sen os que esta cita non sería realidade”. Dende a Área de Deportes, Ramiro Fernández, aplaudiu a firme aposta da Fundación pola base: “Imdecum está traballando pola base dende hai anos tanto na promoción da práctica deportiva coma na súa formación; para o Concello é unha prioridade o deporte de base por iso intentaremos colaborar sempre, na medida das nosas posibilidades”.
Ao longo de 6 días os rapaces/as de entre 5 e 14 anos (prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete) terán a oportunidade de coñecer máis sobre o fútbol sen deixar de divertirse, compatibilizando adestramentos, campionatos de precisión, pase, tiro…, torneo interno, con piscina, talleres de ocio, a práctica doutros deportes e visitas de interese. Situacións de colaboración-oposición, mobilidade e cambio de roles e toma de decisións serán algún dos temas que se aborden ao longo do clínic, con sesións específicas.
Matrícula
O prazo de matrícula estará aberto ata o mércores 6 de xullo. O prezo por alumn@ será de 130 euros (110 € para AFD Porto de Burela e ED Burela FS), incluíndo actividades en xornada de mañá (10.00-14.00) e tarde (17.00-20.00) e aperitivo de media mañá e merenda. As familias que apunten máis dun nen@ terán un 20% de desconto a partir da segunda matrícula. Abanca: ES90 2080 0109 1630 4002 6828