Site icon Crónica3.com A Mariña

Xustiza, a irmá pobre

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. O vindeiro domingo 26 abordamos un novo proceso electoral no que –din- nos estamos a xogar cuestións de transcendental importancia para o conxunto da cidadanía.

Din tamén aqueles que saben –constitucionalistas, politólogos, tertulianos, sociólogos varios, xuristas de recoñecido prestixio, afamados xornalistas e outras herbas…- que éste pode ser un momento histórico rupturista que teña impacto, inclusive no contexto europeo dos PIGS, (termo usado pexorativamente para referir aos países periféricos da UE, Grecia, Italia, Portugal, España e Irlanda) existindo unha forte dependencia dos resultados electorais españois con respecto a unha eventual alianza de países periféricos, con gobernos de corte progresista, que puideran confrontar as políticas de austeridade imperantes no vello continente.

Un, que é descrido, escéptico e, como bo galego inseguro por natureza –xa hai por aí adiante outras castas de xente firme con ideas claras- non é capaz de aventurar que vai pasar o luns 27 pero, seguro, volverá a amencer e as clases populares terán que seguir pagando un alto prezo pola conservación e recoñecemento de dereitos.

E falando xa de dereitos destas clases, e para concretar, quixera compartir catro cuestións sucintas sobre a xustiza, terceiro poder ou tamén “factor de corrección” dos abusos do forte sobre o feble; a xustiza é unha deusa que imparte o seu veredicto de xeito transversal, “ad caelum et ad infernum”. Sen máis preámbulos:

– A denominación da Xustiza coma a irmá pobre e manifestamente intencional; gustaríame que o lector reparase no tempo adicado ao longo da campaña, así como nas intervencións mediáticas dos candidatos, a cuestións relacionadas coa Xustiza. E falo, evidentemente, de cuestións concretas sobre problemas determinados, non de afirmacións do calibre de “hai que dotar de maior independencia ao poder xudicial…”, iso, como ben sabe o lector, tan só son lugares comúns, tópicos…

– O político, con carácter xeral, non quere que exista independencia xudicial, quere tutelar a xustiza. Algúns queren facer uso das institucións como se foran propias, entendendo que éstas lles deben obediencia, e outros consideran que eles son “intelligentsia” e rexeitan sistematicamente a intervención das clases populares na Xustiza e na vida pública.

– A pesar de todo o exposto o estamento xudicial é, de lonxe, o poder que goza dunha maior autonomía dentro do aparato estatal; Se non fose así, e a pesares de todas as intromisións, sería inconcibible encarcerar a Gerardo Díaz Ferrán, a Luis Pineda, a Rato a Blesa ou sentar no banquillo dos acusados a Chaves e Griñán ou, por primeira vez e sen antecedente, a un membro da familia real.
Infelizmente asemella que ditas circunstancias teñen correspondencia con feitos excepcionais, ou actitudes quixotescas coma a do xuíz instrutor Castro.

-Para ir concretando lembrar que todavía segue vixente de xeito parcial a Lei de Taxas aprobada polo ministro Gallardón no que refire a persoas xurídicas –no noso país unha porcentaxe enorme das PEMES teñen esta forma-, que si queremos maior eficacia hai que dar medios e equiparar inversión pública á media europea, que habería que hixienizar e despolitizar os órganos de goberno (Consello Xeral do Poder Xudicial), que a medida que aumenta a demanda de xustiza gratuíta –avogados de oficio- habería que dignificar económicamente esta faceta…

Mil e unha asignaturas pendentes que van no senso diametralmente oposto de todo o que se fixo e se está a facer ata o momento.

Para finalizar, e como xurista militante, invitaría a moitos compañeiros que se adican á política de xeito profesional a lembrarse máis da súa faceta como operadores da práctica xurídica, cuestión que, coido, sería de vital importancia para solventar moitos problemas.

Como afirmaba o bo de Stanislaw Jerzy Lec: “A conciencia do pobo non colle na cabeza do Estado.”

Exit mobile version