Site icon Crónica3.com A Mariña

A aprobación dunha proposta do PP permitirá que os concellos da provincia conten cun programa de cooperación para a instalación de desfibriladores

Lugo, 26 de xullo de 2016.- O Grupo Provincial do PP sacou adiante no Pleno de hoxe unha moción para a posta en marcha dun programa de cooperación cos concellos para a instalación de desfibriladores en toda a provincia.

Así, os populares solicítanlle á Deputación provincial que aprobe a elaboración dun Plan de cooperación cos concellos para axudar aos municipios de menos de 20.000 habitantes na adquisición de desfibriladores para a súa instalación nos espazos de maior afluencia de veciños e veciñas. O PP lamenta que nin PSOE nin BNG apoiaran esta iniciativa.

A voceira do PP, Elena Candia, explicou que o seu Grupo lle deu curso a unha demanda dos concellos e da poboación. “Como é un goberno en minoría cremos que corresponde ao Pleno avalala”, expuxo. Censurou a emenda do PSOE coa que pretendían “revivir unha mal chamada polémica en aras á posta en funcionamento das 24 horas de hemodinámica. Non nos escondemos dos debates sobre saúde. Non facemos un uso político, houbo moitos debates sobre este servizo. Déuselle un uso político e cómpre volver contextualizar a súa importancia”, indicou.

Candia explicou que a última vez que o Pleno tratou o tema “reproducín unha entrevista na que o xefe de cardioloxía do HULA explicaba que coa contratación dun terceiro hemodinamista sería suficiente para que funcionara as 24 horas. Leva máis de 4 semanas contratado. É clarificador”. Así, a popular demandou que o servizo deixe de estar presente no debate político e se centre en decisión técnicas.

A saúde só lles preocupa para facer política
Candia explicou que a emenda onde o PSOE vincula o plan de posta en marcha dos desfibriladores co servizo de hemodinámica “é inaceptable”. “Toca falar dunha proposta que trae este grupo que non é novidoso, xa foi a Pontevedra, Ourense e todos os grupos votaron a favor e aprobouse por unanimidade. Novamente, esta vez non lles vai saír ben, pretende explicar que a saúde só lles preocupa para facer política e non para resolver problemas”, criticou.

“Hai que ser serios, pedimos que se financien eses desfibriladores. Non se acordaron e agora vincúlano á hemodinámica e din que necesitan dous por concello. Está contratado ese terceiro hemodinamista e parece que non se enteraron que iso é o que se precisa para a posta en marcha e vaise ir facendo de xeito progresivo”, engadiu.

“Estou satisfeita de chegar a acordos e creo que rexurdir vellas polémicas cando queda aclarado que a unidade de cardioloxía conta con todos os medios que solicitou para a ampliación de horario non debe ser aceptado e debemos ser intelixentes e seguir na senda do entendemento e resolver os problemas da xente. Hemodinámica non é un problema neste momento e non hai problemas económicos nesa unidade, polo que hai que ver se esta institución está ou non disposta a colaborar cos concellos”, dixo Candia.

O 100% da axuda
A proposta do PP demanda ademais que se inclúa no plan que a axuda da Deputación consista no 100% do prezo do desfibrilador, procurando ademais a formación específica para o seu correcto manexo por persoal capacitado.

Os populares lamentaron que o PSOE intentara desvirtuar unha iniciativa botando man dun servizo que funciona cada vez máis horas e cada vez mellor, como é o de hemodinámica. “Defendemos a xestión da Consellería de Sanidade co HULA no que hai 2.500 profesionais e un investimento de 182 millóns de euros, dos que 40 millóns foron en tecnoloxía. Na senda do entendemento estaremos ao seu lado, recorrer a actitudes besteirianas non van contar co apoio do PP. Falar de sanidade con transparencia e sen escondites coa verdade por diante, a que din os profesionais, non os politiquiños. Cando toca asumir responsabilidades e defender propostas que se levaron noutras provincias cun acordo unánime aquí coñécese o que lles preocupa a sanidade dos nosos veciños”, concluíu.

Exit mobile version