Cervo, 12 de xullo de 2015. O Concello de Cervo celebrou este luns unha reunión da Comisión Especial de Contas na que se abordou o expediente da conta xeral do exercicio 2015, na que o remanente de tesourería para gastos xerais é de 1.970.000 euros e o Concello cumpre a regra do gasto estando bastante por debaixo do límite fixado para o pasado exercicio. Estes datos foron destacados hoxe polo alcalde, Alfonso Villares, e a concelleira de Facenda, Dolores García.
Alfonso Villares engadiu que “estas magnitudes orzamentarias están eu creo que en moi boas cifras. Isto o que nos ven a dicir é que seguimos sendo moi estritos no cumprimento económico que este Concello está a facer das súas contas”.
A edil de Facenda salientou: “para nós é prioritario ter as contas ao día e ter as contas, ademais con positivos, porque eu creo que isto o que nos posibilita é poder seguir levando adiante todos os servizos que nestes momentos está a ofrecendo o Concello de Cervo. Podemos continuar apostando pola educación con distintas axudas que estamos a dar, ben sexa a colexios, a pais, a alumnos ou en infraestruturas educativas. Podemos seguir apostando pola cultura con todo o que estamos a facer neste ano, incluído apoiar como imos facer ao festival Gadélica. Podemos continuar a axudar ás distintas comisións das festas que están tendo lugar sobre todo nesta época estival, non unicamente con persoal e equipamento senón tamén economicamente. Podemos seguir apostando polos servizos sociais; e, por iso, agora para acabar o equipamento do centro de día residencia, que proximamente imos poñer en funcionamento, tamén imos investir diñeiro. Podemos continuar apostando por todos os servizos e infraestruturas que estamos a poñer no noso concello, basicamente apostando polas infraestruturas básicas e agora mesmo, na etapa en que estamos, para levar o saneamento á nosa zona rural”.