Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación achega 1,3 millóns de euros para a remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro de Foz

Foz, 22 de xullo de 2016. As obras de remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro levaranse a cabo a través do convenio que asinarán o Concello e a Deputación de Lugo e que foi aprobado este venres na xunta de goberno do organismo provincial. O investimento ascende a 1.300.000 euros.

O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, sinala que “no concello de Foz temos hoxe unha información importante que afecta á obra de remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro, que é da Deputación. No día de hoxe na xunta de goberno provincial un dos asuntos incluídos foi a aprobación dese convenio entre o Concello de Foz e a propia Deputación”.

O rexedor focense subliña que “estamos a falar dun orzamento de 1.300.000 euros aproximadamente, do cal a Deputación de Lugo asume 700.000 euros e o Concello os outros 600.000 euros”.

Javier Castiñeira salienta que “é un paso adiante moi importante que se suma ao que se deu a semana pasada, cando a Xunta e o Concello asinamos un convenio no que a administración autonómica aporta 860.000 euros para arranxar a Avenida da Mariña. Con isto farase unha reestruturación global das dúas rúas comerciais máis importantes de Foz”.

O alcalde engade que “no que atinxe á Deputación de Lugo quero agradecer desde o concello de Foz ao seu goberno, que preside Darío Campos, por sacar adiante primeiro dentro do que é o uso do remanente para financiar esta obra en dous anos, 2016 e 2017, e tamén agradecer a firma do convenio, que se realizará en próximas datas. Pero tamén o compromiso de Elena Candia e do equipo de goberno do Partido Popular que inicialmente, cando estivo na Presidencia, arrancou este proxecto financiándoo con 12.000 euros, pois sen iso sería imposible. É verdade que houbo despois acordos plenarios que asentaron este proxecto e un compromiso que levou tamén o Partido Popular, pero si é ben certo que é un traballo unido de todos os partidos. Eu creo que os méritos deben ser para todos os partidos que están traballando agora mesmo na Deputación dunha forma coordinada e grazas a ela se pode levar este proxecto adiante”.

Castiñeira considera que “hoxe é un paso importante a aprobación na xunta de goberno da Deputación, despois firmarase o convenio e a partir de aí a licitación dese proxecto e o inicio da obra no último trimestre, moi probablemente, que pode coincidir tamén coa da Avenida da Mariña, que hai que coordinar. Estamos ante un paso importante no que é o aspecto do centro urbano de Foz”.

Exit mobile version