Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba por unanimidade a moción para promover a inclusión da Linguaxe de Signos na educación obrigatoria

O Pleno da Deputación aprobou este martes por unanimidade a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para instar á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a inclusión da Linguaxe de Signos na educación obrigatoria mediante a creación dun programa específico con dotación orzamentaria propia adicado a este fin e dirixido ao alumnado, docentes e familias.

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos, destacou que “dende o organismo provincial estamos traballando en iniciativas para a inclusión desta linguaxe no día a día dos veciños. E facémolo mantendo subvencións para que diferentes asociacións poidan ter intérpretes para os seus usuarios”.

Neste senso, o voceiro adiantou que “xa mantivemos contactos coa Asociación de Sordos de Lugo (ASORLU) para formularlles a posibilidade de retransmitir estes plenos na linguaxe de signos. Iso esíxenos unha adaptación técnica xa que necesitaríamos dous cámaras e o software para, a través do streaming, retransmitir en dobre plano. É un obxectivo que nos temos marcado e que agardamos poder acadar ao longo deste ano. Ademais, tamén lles propuxemos mellorar a plantilla de intérpretes desta asociación co obxectivo de que, cando a Deputación ou calquera concello precise dun intérprete, poida prestarlle ese servizo”.

Exit mobile version