Site icon Crónica3.com A Mariña

A FEGAMP intenta consensuar coas empresas madeireiras unha ordenanza que regule a conservación dos camiños

Cervo, 20 de xullo de 2016. A comisión executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), da que é vicepresidente primeiro o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, reuniuse este mércores para volver tratar a necesidade de consensuar coas empresas madeireiras unha ordenanza que regule a conservación dos camiños polos que se transporta a madeira despois das talas.

O alcalde cervense, que presidiu a xuntanza celebrada este mércores, explicou que foi “unha reunión na que se trataron, como sempre, distintos temas de índole municipalista que afectan aos concellos de Galicia, independentemente da cor política de cada un”.

Alfonso Villares salientou que “un dos asuntos que volveu outra vez á mesa da reunión foi como quedan os camiños dos distintos concellos despois das sacas de madeira nas diferentes zonas onde se está facendo unha explotación importante deste recurso”.

O vicepresidente primeiro da FEGAMP subliñou que é “un recurso que, sen dúbida ningunha, é importante para todos os concellos, para moitas familias e para moitas persoas que viven disto, pero tamén é certo que o estado no que quedan moitas das pistas por onde se saca a madeira é bastante mellorable”.

Alfonso Villares engadiu que “por iso tivo lugar onte unha reunión na que estivo a conselleira de Medio Rural, o presidente da FEGAMP e o representante da asociación Confemadera, onde se acordou sentarnos e intentar consensuar unha ordenanza que regule isto”.

O rexedor de Cervo anuncia que “tamén está previsto para a próxima semana facer outra reunión técnica, onde ademais destes representantes desta asociación estean representantes doutros colectivos, porque Confemadera foi a asociación que pediu a reunión, pero hai empresas de madeira que non están representadas por esta asociación. Polo tanto para a semana que ven vaise facer esa reunión técnica para intentar consensuar unha ordenanza entre a Xunta, os representantes da madeira e os concellos. Trátase de facer o posible para arranxar esta problemática que estamos a ter todos os concellos onde este recurso ten unha importancia, como o municipio de Cervo e o conxunto da Mariña de Lugo”.

Exit mobile version