Site icon Crónica3.com A Mariña

A ludoteca de verán abre entre o 11 de xullo e o 31 de agosto en Viveiro

O luns 11 de xullo dará comezo o servizo municipal de ludoteca en Viveiro que se instalará no pavillón do IES Vilar Ponte durante os vindeiros dous meses ata finalizar o 31 de agosto.

O servizo prestarase de luns a venres, de 08.30 a 14.30 horas, co que se amplía nunha hora o horario respecto á edición anterior, intentando, deste xeito, facilitar en maior medida a conciliación familiar e laboral durante estes meses estivais.

A ludoteca está destinada a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 4 anos (cumpridos) e os 12 anos (incluídos) e ofrécese de xeito gratuíto para @s nen@s empadroad@s no Concello de Viveiro. Para @s nen@s non empadroados, o custo será de 30 euros semanais.

A ludoteca estará a cargo de profesionais con titulación no ámbito da educación infantil, monitoras de tempo libre e coñecementos de primeiros auxilios.

As prazas son limitadas, e por orde de inscrición ata completar aforo. A inscrición poderá realizarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil situada no primeiro andar do Concello en horario de 10.30 a 14.00 horas a partir do luns 4 de xullo. É necesario achegar ficha de inscrición facilitada pola OMIX, fotocopia da tarxeta de Seguridade Social d@ nen@, fotocopia do DNI -e no caso de que non o teñan, do pai ou nai- e fotografía.

“Este servizo é unha das apostas deste equipo de goberno que, a pesar da política de recortes actual, continúa investindo para facilitar un servizo que considera esencial dende o punto de vista da educación, da diversión, do entretemento, do ocio e, sobre todo, da conciliación familiar”.

Exit mobile version