Os organizadores da Ponte Literaria reuníronse o pasado 13 para artellar as actividades do verán 2016 entre as as que se artello unha actividade para a semana vindeira: un novo encontro terá lugar o xoves, 21 de xullo ás 17.30 horas, no espazo de lecer da Ponte Vella de Frexulfe (O Valadouro).
A experiencia consistirá nun exercicio de creación e/ou exposición literaria cunhas condicións básicas.
Toda persoa que desexe participar activamente deberá levar un texto (a temática é libre e non se exixe ningún xénero concreto) para ler ou expor de xeito oral, cunha dimensión máxima dun folio. Tamén se poderá asistir á experiencia sen participar activamente, sinxelamente como público.
Na xuntanza de organización púxose en marcha, de xeito espontáneo, unha práctica que vimos de adoptar como futuro costume: A doazón de libros que non desexamos continuar conservando nas nosas bibliotecas particulares. Foi pioneiro deste exercicio de solidariedade literaria o dramaturgo Manuel Lourenzo -un dos impulsores da Ponte Literaria xunto a Xesús Pisón, Isaac Ferreira e Lionel Rexes-, espallando na mesa de reunión varios volumes (todos vinculados ao eido dramático), co ánimo de que o resto de participantes levasen os exemplares que lles resultasen máis atractivos.
Deste xeito, animamos os participantes que desexen desfacerse de libros usados, a traelos para continuar coa práctica da doazón espontánea. En caso de tempo chuvioso, o acto trasladarase a un establecemento próximo.