Site icon Crónica3.com A Mariña

A taxa de criminalidade de Cervo sitúase sete puntos por debaixo da media provincial

nuevo-6O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, copresidiron este martes a reunión da xunta local de seguridade do municipio, na que participaron ademais representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico e a Policía Local.

Segundo os datos que se espuxeron na xuntanza, a taxa de criminalidade de Cervo ao remate do ano 2015 situábase nas 14,3 infraccións penais por cada mil habitantes, sete puntos por debaixo da media provincial (ao ser esta de 21,3 infraccións penais por cada mil habitantes) e máis de trece por debaixo da media galega.

Dos datos oficiais da Garda Civil, despréndese tamén que a delincuencia no concello rexistrou un descenso nos cinco primeiros meses deste ano, destacando especialmente a baixada dos delitos contra o patrimonio, que se reduciron nun 75% neste período.

Os membros da xunta valoraron ademais o elevado índice de eficacia acadado na resolución e o esclarecemento dos feitos delictivos que se denunciaron, que aumentou considerablemente con respecto ao ano anterior, o que atribuiron en boa medida ao traballo conxunto e coordinado dos distintos corpos policiais con presenza no municipio. Dende xaneiro a abril, os axentes da Garda Civil detiveron a 2 persoas en Cervo e investigaron a outras 2 pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delito.

Noutra orde de cousas, no encontro desta mañá abordouse a seguridade nas distintas citas festivas que se celebrarán nos vindeiros meses en Cervo, entre as que salientan as festas do Carme ou a Maruxaina.

Atendendo á súa competencia, o Concello irá deseñando os correspondentes dispositivos de seguridade, que contarán co reforzo de axentes da Garda Civil e do Subsector de Tráfico, que contribuirán a que as celebracións transcurran sen incidentes e que velarán pola seguridade nas estradas.

PLAN DIRIXIDO Á COMUNIDADE EDUCATIVA
O subdelegado do Goberno informou tamén do traballo realizado en Cervo ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade. O obxectivo deste plan é reforzar a educación, a prevención e a vixilancia nos centros escolares poñendo á disposición dos mesmos a asistencia técnica que precisen para previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnos, pais e profesores sobre os problemas de seguridade que afectan aos mozos e mozas.

Ao longo do curso escolar que vén de rematar, impartíronse en centros educativos de Cervo un total de 2 charlas (ámbalas dúas no IES Marqués de Sargadelos) que trataron sobre o acoso escolar e os riscos de internet e as novas tecnoloxías. No mesmo período beneficiáronse deste plan 9.590 persoas de 109 centros de ensino de toda a provincia.

Exit mobile version