O obxectivo destas subvencións recentemente convocadas é crear emprego de calidade para as mulleres, apostando por impulsar novas formas de organización do traballo que axuden á conciliación da vida persoal e laboral.
Dende o goberno galego apóstase por fomentar as iniciativas empresariais promovidas por mulleres. Así a Secretaría Xeral de Igualdade conta cunha liña de actuación concreta neste ámbito, o Programa Emega, que comprende un conxunto de axudas para o fomento do emprendemento feminino no cal se levan investidos, dende o ano 2009, máis de catro millóns de euros, o que permitiu crear preto de 500 postos de traballo en Galicia.
De forma máis concreta, o programa constitúe unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral, que persegue apoiar o desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación laboral e familiar, esenciais para o éxito da iniciativa emprendedora feminina. Deste xeito, búscase que aquelas mulleres emprendedoras que o desexen poidan materializar as súas ideas empresariais, contribuíndo a creación de novos postos de traballo.
Para lograr os seus obxectivos, o programa Emega porase en marcha a través de distintas liñas de actuación. Así, a liña “Emprende” estará destinada á posta en marcha de novas empresas; a liña “Innova” para a promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres; “Activa”, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; a liña “ITEF”, que se centra na axuda para a posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica).
Por outra banda, están deseñadas dúas modalidades de axudas complementarias ás liñas descritas anteriormente: A primeira, a modalidade “Concilia”, un programa de apoio á conciliación da vida laboral; e a segunda, a modalidade “Dual”, para apoiar a participación das promotoras no programa de titorización, co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas -cofinanciadas con Fondos FSE- as empresas ou proxectos empresariais formados por mulleres que teñan domicilio social e establecemento de produción en Galicia, que non pertenzan o sector público nin sexan entidades sen ánimo de lucro.
Ademais, valoraranse entre outros criterios a calidade do proxecto, a contribución á integración laboral de mulleres en paro, de mulleres con algún tipo de discapacidade, ou en risco de exclusión social.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes, contando a partir da publicación desta resolución no DOG -o pasado 1 de xullo-. Dita presentación poderá realizarse por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es.