Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta programa 19 espectáculos culturais nos concellos do Camiño Norte da Mariña

Lugo, 7 de xaneiro de 2016.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, presentaron o programa cultural Vive o Camiño, que se inicia este xoves en Ribadeo e se celebrará durante os próximos catro días tamén en Lourenzá, Barreiros e Mondoñedo.

Esta programación ven a complementar a de Cultura no Camiño, que xa se ven desenvolvendo na comarca e que precisamente este mércores recala tamén en Ribadeo. En total, a Xunta programa 19 espectáculos nos concellos mariñáns da ruta do Norte.

A delegada territorial, Raquel Arias, fixo fincapé no esforzo que está a realizar a Xunta por “enriquecer a experiencia do Camiño, tanto para os peregrinos como para os veciños e veciñas dos municipios polos que atravesan as rutas”.

A programación de Vive o Camiño bota a andar mañá en Ribadeo cun show que combina novo circo, maxia, música e humor, no que actuarán os artistas Isla Letriska, Dani García e Vaamonde, Lamas & Romero.

O venres, día 8, Daboapipa e o Circo Chosco actúan en Lourenzá. O sábado estarán Isla Letriska e Cantata Vernácula en Barreiros, e o domingo Dani García, o Circo Chosco e Talabarte en Mondoñedo.

Así mesmo, dentro de Cultura no Camiño esta tarde actúa Troula Animación ás 20.30 horas no parque de San Francisco de Ribadeo, e o sábado haberá teatro na Casa da Cultura de Lourenzá. Os actos culturais sucederanse nas vindeiras semanas.

O calendario de Cultura no Camiño estará dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (agadic.gal/culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (cultura.gal/gl/axenda).

Plan director
Vive o Camiño céntrase nos municipios do Camiño Norte e Primitivo, aos que a Xunta de Galicia adica este ano a actividade promocional dentro do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021. Visitará 15 concellos de Lugo e 4 da Coruña.

Polo que respecta á provincia de Lugo, a programación percorrerá no Camiño Primitivo os municipios de Lugo, A Fonsagrada, Castroverde, Friol, Baleira e Guntín. No Camiño Norte, realizaranse actividades en Ribadeo, Lourenzá, Barreiros, Mondoñedo, Abadín, Begonte, Trabada, Vilalba e Guitiriz.

O xerente do Xacobeo subliñou o incremento de peregrinos que experimentaron as rutas Primitiva e do Norte dende que foron declaradas Patrimonio da Humanidade, e afirmou que “esperamos un incremento de entre un 8% e un 12% na cifra de peregrinos con respecto a hai un ano”.

Exit mobile version