Site icon Crónica3.com A Mariña

AGEe impulsa o seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala” no Parlamento Europeo

Bruxelas, 27 Xullo 2016. Que Galiza é a zona pesqueira máis importante da Unión Europea (UE) ficou comprobado in situ polo Parlamento Europeo (PE) a través da visita do Comité de Pesca ao noso País, promovida pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, no pasado mes de marzo.

Agora, “cómpre seguir mantendo a presión sobre as institucións europeas para que sexan postas en marcha medidas contundentes pola defensa e mantemento do noso sector pesqueiro, que representa case o 7% do PIB galego, sendo o 80% da nosa flota de pesca artesanal e a pequena escala, e a Galiza o país onde máis pesca deste tipo se concentra de todo o Estado, xa que temos unha frota de aproximadamente 4.500 barcos”, apuntou.

Baixo esta perspectiva de traballo, a eurodeputada de AGEe, titular suplente na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), está a promover a realización do seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala”, que terá lugar os vindeiros 7 e 8 de setembro no Parlamento Europeo en Bruxelas.

Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) estará acompañada na coordenación deste evento internacional polo Partido Comunista Portugués (PCP) e o irlandés Sinn Féin, ámbalas dúas formacións políticas representantes de pobos cunha fonda tradición pesqueira, coma o galego, e ca que AGEe comparte o obxectivo de “loitar polo desenvolvemento dun sector pesqueiro europeo no que a sustentabilidade sexa o obxectivo principal, que garanta o maior número de postos de traballo posíbel, proporcione alimentos de calidade, e cuxa actividade profesional, lonxe de esquilmar os recursos, contribúa ao mantemento dunhas rías, mares e océanos sans e cheos de vida”.

Este seminario contará con catro mesas informativas e de debate. A primeira delas, que dará inicio na tarde do mércores 7, abordará o impacto dos acordos internacionais de pesca da UE na pesca a pequena escala. Seguidamente, logo dunha pequena pausa, analizaremos as consecuencias da Política Pesqueira Común (PPC) nas comunidades costeiras.

Na mañá do día 8 o encontro centrarase na faciana máis humana da actividade pesqueira da UE, debullando o papel das mulleres na pesca e as actuais condicións dos dereitos dos/as traballadores/as no mar, así como as cuestións relativas á súa seguridade.

Ademais dunha delegación de homes e mulleres do mar que se desprazarán dende a Galiza, as distintas organizacións políticas integrantes do GUE/NGL foron convidadas xa a facilitar a participación de persoas vinculadas á pesca de cadanseus países, polo que a eurodeputada Lídia Senra agarda para este encontro a compilación “dun interesante mosaico de experiencias internacionais que nos vai proporcionar información directa sobre a situación da pesca sustentábel, artesanal e a pequena escala na UE, ao tempo que vai permitir facilitar enriquecedores intercambios entre persoas que desenvolven este tipo de pesca nos distintos Estados membro”.

Dende a súa chegada ao Parlamento Europeo, a eurodeputada galega vén impulsando numerosas iniciativas a prol da protección e apoio ao sector pesqueiro galego[3], tanto en sede parlamentaria -a través de intervencións na Comisión de Pesca, Sesión Plenaria, encontros co sector no Parlamento Europeo, rexistro de preguntas parlamentarias[4] ou interlocucións cas distintas Presidencias semestrais da UE-, como na Galiza -destacando a convocatoria da xornada “As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro” en Cangas en novembro de 2005 ou a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, celebrada en Ferrol en maio deste ano-.

Exit mobile version