Site icon Crónica3.com A Mariña

As hipotecas da UE e da Mariña

Con pólvora e magnolias. A burbulla inmobiliaria estourou aló polo ano 2008 coa caída do xigante Lheman Brothers dando comezo á peor recesión económica histórica dende o arquicoñecido crack do 29 ou Gran Depresión; a historia parécese pero nunca é exactamente igual: o que Norteamérica resolveu con New Deal e intervención na II GM é, hoxe día, un problema global do sistema mundo. As crises actuais inocúlanse de xeito inmediato polo vector de transmisión da economía globalizada.

E voltando ao punto de partida, a caída da institución financeira fundada aló polo ano 1850 polos irmaos Henry, Emanuel e Mayer Lheman, caeu o día 15 de setembro de 2008 ou “luns negro”, servindo de pistoletazo de saída para a crise das hipotecas subprime e o estourido da burbulla inmobiliaria.

Dicía o refrán que cando vexas as barbas do veciño arder había que por as dun a remollo, pero no caso que nos ocupa as nosas xa prenderan e andaban impregnadas de sustancias altamente inflamables: segundo datos oficiais no ano 2008 a construción alcanzaba o 17,7 por cento do PIB nacional.

¿Onde está a relación coas hipotecas? Aló polo ano 2008 a economía patria estaba hipotecada ao ladrillo e, á súa vez, o conxunto da cidadanía se hipotecara para poder acceder á compra de vivenda no que, hoxe día, é o oitavo país da OCDE en canto a número de propietarios de inmoble; todo elo aderezado con políticas económicas dos Bancos Centrais que abrían a billa do crédito barato para seguir dándolle de beber a ese monstro insaciable. Os gurús daquel marabilloso Frankestein sacaban peito da súa creación, nada podería facer languidecer aquel Dorado ou arcadia feliz.

E de súpeto todo rebentou, estourou, estalou en mil pedazos: Lehman, as caixas de aforros e o sistema global económico chamado mundo, e por suposto a xente. E tamén de súpeto engadimos novos palabros ao noso vocabulario cotián: preferentes, clásulas solo, SWAPS, deuda subordinada, accións Bankia… todos estes termos viñan da man de historias persoais que materializaban en situacións que ían dende o apuro económico ata a sepultura do desafiuzamento.
E como ata no inferno un pode atopar un anxo, no medio de todo este esterqueiro xurdiu o Tribunal Supremo, mediante sentenza de 9 de maio de 2013, que abriu a porta de entrada para tumbar xudicialmente as cláusulas solo das hipotecas; a doutrina sobre a que pivotaba dito pronunciamento era a lexislación europea en materia de consumo que viña a dicir algo así como que o consumidor non debe ser enganado vilmente, que, incluso, ten dereitos. E por un intre todos respiramos, por un intre…

Seguimos depositando a esperanza en Europa. Onte, día 13 de xullo, o avogado do Tribunal de Xustiza da UE tiña que manifestarse con respecto á retroactividade, a si as cantidades cobradas en aplicación da cláusula solo debían ser devoltas dende o comezo da hipoteca aos prestatarios.

A resposta á cuestión non había que buscala en Europa, xa o propio Código Civil establecía a obriga de devolución no caso de nulidade.

Pero o avogado do TXUE, ao igual que o noso avogado do estado, optou por entender que a retroactivadade tería importantes efectos macroeconómicos, vamos, o que no máis coloquial das linguaxes ben sendo algo así como non imos fastidiar o negocio da banca. E a banca respirou, porque por uns días asemellaba que ían ter que asumir responsabilidades…

Este venres 15 a Asociación de Afectados pola Cláusula Solo da Mariña, da que un servidor é integrante, ven a presentar en Burela unha curtometraxe sobre afectados da comarca. A idea central da mesmo ten por base amosar unha realidade próxima, pode que deste xeito tomemos conciencia dunha problemática que afecta a 3,5 millóns de familias no noso país e que ten virtualidade, por suposto, na nosa comarca. Aínda que sigamos a levar golpes seguiremos encaixando agardando o noso momento.

Pablo Álvarez

Exit mobile version