Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro valora moi positivamente a decisión da Xunta de ampliar as principais axudas no ámbito forestal ante a gran demanda recibida

Santiago, 14 de xullo de 2016.- O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, puxo en valor a sensibilidade da Consellería do Medio Rural despois de que, en consideración ao gran número de solicitudes recibidas nesta anualidade, se acordase a ampliación das principais liñas de axuda que a administración autonómica promove no ámbito forestal.

O deputado popular interesouse, durante a sesión que tivo lugar esta mañá da Comisión de Agricultura e Montes do Parlamento de Galicia, polo aumento do orzamento dispoñible, en concreto, das axudas para reforestación e creación de superficies forestais e dos apoios previstos polo Goberno galego para financiar diversas tarefas silvícolas tales como rozas, talas e podas nos montes.

INCREMENTO DA SUPERFICIE ARBORADA
En relación coa primeira liña de axudas, a destinada á reforestación, o Goberno galego acordou duplicar os fondos dispoñibles, que pasan dos 2,5 millóns de euros iniciais aos 5 millóns. Poden beneficiarse destas axudas, os propietarios particulares individualmente, as sociedades de fomento forestal (Sofor), as agrupacións de propietarios formalmente constituídas, as entidades locais e todo tipo de comunidades de montes veciñais e en man común.

Entre os traballos susceptibles de obter financiamento do Goberno galego está a primeira forestación de terras non agrícolas con piñeiro do país, piñeiro silvestre, piñeiro insigne, Pseudotsuga, ameneiro, bidueiro, freixo, castiñeiro, castiñeiro híbrido, cerdeiras silvestres e híbridos de produción madeireira, carballo, e pradaio, e incluso tamén as obras complementarias das novas forestacións, como poden ser os peches perimetrais e os arranxos das pistas forestais.

TRABALLOS SILVÍCOLAS
Por outra banda, o Goberno galego tamén decidiu incrementar a dotación para as axudas á silvicultura, que pasaron de 6 a 15 millóns de euros. Estes apoios serven para financiar a realización de prácticas silvícolas de pequena escala, tales como rozas, claras, clareos, podas, talas de formación, etc … vinculados á prevención de incendios ou ao incremento dos valores produtivos e ecolóxicos dos bosques.

Balseiro salientou a importancia da intensidade da axuda a recibir que chega ao cen por cen do custo real do investimento realizado, conforme ao proxecto técnico correspondente.

Como obxectivo común a ambas axudas, o voceiro popular de Montes salientou que, con estas medidas a Xunta busca incrementar a superficie arborada, para obter producións máis elevadas e de calidade o que supón redobrar a aposta do Goberno galego pola competividade do noso sector forestal. Ademais a importante demanda destas axudas, e o elevado número de solicitudes recibidas, vén a confirmar a oportunidade de reforzar estas medidas.

Exit mobile version