Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG: “Só as subvencións que propoña o PP non terán que ser aprobadas polo Pleno da Deputación”

Nas bases de execución dos orzamentos da Deputación, que veñen de facerse públicas estes días, contémplase que todas as subvencións de máis de 40.000 € teñan que ser aprobadas polo Pleno, cuestión á que por outra banda o BNG nunca se opuxo pois sempre estivemos de acordo coa máxima transparencia e medidas de control no uso de cartos públicos.

Para o voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, “o que realmente é sorprendente, e que para o BNG nos resulta intolerábel, é que dese control plenario queden exentas aquelas subvencións que propoña o Partido Popular, as cales non terán ningún tipo de fiscalización por parte do Pleno e poderán ser outorgadas directamente polo Presidente ou, o que é o mesmo, poderán ser “caciqueadas” entre o PSOE e PP sen publicidade e sen dar conta a ninguén”. “Isto é un auténtico pacto de goberno entre o PP e o PSOE”, manifestou.

Dende o BNG non se entende como é posíbel que só as subvención que propón un único partido político teñen que estar exentas da correspondente fiscalización do Pleno, crendo ademais que iso é dunha legalidade máis que dubidosa. En todo caso, o PP e o PSOE terán que explicar que teñen que ocultar destas subvencións do PP para que non poidan ter a publicidade que tería calquera outra.

O 30% DO ORZAMENTO EN SUBVENCIÓNS PARA O PP
Do mesmo xeito, tamén nos parece escandaloso que nuns orzamentos dun ente público se faga unha reserva dunha parte dos cartos unicamente para as propostas dun partido político, coma se as necesidades que ten a provincia dependerán da cor política que ten un concello determinado ou se as outras organizacións políticas non tiveran dereito a facer propostas.

“Os cartos públicos deberán ser empregados naqueles lugares onde se necesiten ou onde teñan necesidades, pero nunca en función de quen ostente a Alcaldía ou a cales foran os resultados das eleccións nese concello”, continuou Ferreiro.

Propostas do BNG en materia orzamentaria
Esta é a proba da filosofía do acordo entre o PP e o PSOE para os orzamentos da Deputación e de cal é a forma de repartir os cartos que teñen estes partidos políticos. Todo isto vén a xustificar sen dúbida algunha que o BNG non podía avalar este acordo, un acordo “escuro e caciquil” que vén a perpetuar o reparto de cartos públicos en función de pago de favores e de intereses políticos e non das necesidades das persoas e dos concellos da provincia.

“Por iso, o BNG sempre defenderá na política orzamentaria da Deputación a xestión directa dos fondos por parte dos concellos, repartos xerais con criterios obxectivos así como plans globais que garantan que todos os concellos e todas as persoas poidan ter acceso a ese cartos sen depender do partido político que estea gobernando nese momento”, rematou Ferreiro.

Exit mobile version