Site icon Crónica3.com A Mariña

Bodas dos máis pequerrechos e disfraces

A movida das comunións converteuse en todo un sarao de proporcións sobredimensionadas. O orixinario sentido relixioso, que aínda se mantén en escasas familias creentes e practicantes, dilúese para as demais nunha mera ocasión festiva para divertirse cos preparativos, atuendos, vestidos, reportaxes fotográficas, invitacións, ágape, música, agasallos e demais elementos de tramoia que converten ás criaturas en desculpa para montar todo un espectáculo. Din as mamás que as nenas queren vestirse de princesas, aínda que non queda claro quen o desexa máis. No cole fálase diso e nesta cultura tan pouco culta disfrazarse sempre é apetecible a calquera idade,e se non vexan estos días as ruas de Burela ou Viveiro. Si engadimos a expectativa dunha chea inasimilable de agasallos que se espera recibir, temos un ensino perfecto de necia vanidade e sumo consumo. Parece que os amiguiños dos nenos, os amigos dos pais, os avós, tíos e demais convidados teñen que competir para non quedarse co título dos tacañons, deste xeito a pequena alma que supón entrar no uso de razón ingresa pola porta grande na sinrazón do boato competitivo e comparativo, que o meu neno-a non sexa menos que ninguén, aínda que haxa que empeñar ata os calzoncillos.

Todo está desmadrado. Nais e pais sen bautizar levan aos pequenos á catequesis perante dous anos para poder obter a licenza da festorra. Os comerciantes do ramo, como é a súa función, frotanse as mans; vestidos, peiteados, tocados, fotos e vídeos, recordatorios, perendengues para obsequiar, xogos e xoguetes, menús e ágapes cada día máis floridos e caros, coma se fose unha voda. E hoxe non imos entrar na discriminación por sexos que comeza cos cancans e fica co tipo de agasallos pedagóxicamente discriminantes. perdemos o norte. Todo queda diluído en non ser menos que ninguén, algunhas caras dos comprometidos invitados inspiran un poema do mesmo xeito que a ansiedade dos comulgantes abrindo a montaña de agasallos. Onde quedou o desexo, onde o pracer, onde os valores de afecto, agarimo, amizade? Onde o etéreo e intanxible, verdadeira equipaxe que acompañará a eses pequenos seres perante a súa longa vida? Queixaranse logo eses pais dos seus fillos ninis, dos seus pillaxes, das súas ansiedades e insatisfaccions, da infeliz sensación de que nunca é suficiente, da falta de responsabilidade e do sentido do esforzó..

Otero Regal.

Exit mobile version