Site icon Crónica3.com A Mariña

Éxito da I Carreira Nocturna Burela Bonita

Burela, 25 de xullo de 2016. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, asegurou que a I Carreira Nocturna Burela Bonita, que se celebrou o pasado sábado, foi un auténtico éxito “tanto polo desenvolvemento da proba como pola calidade dos participantes”.

O edil socialista declarou: “estamos moi contentos tanto polo número de participantes, como polo nivel exhibido por todos eles”. Ramiro Fernández Rey tivo palabras de agradecemento “para os voluntarios que nos apoiaron nesta proba, xa que sen eles sería moi difícil que se puidese levar adiante, e tamén queremos dar as grazas a todos os patrocinadores polo esforzo realizado para que esta carreira se levase adiante. Quero felicitar aos veciños e veciñas de Burela que saíron á rúa para gozar da carreira e aos corredores por achegarse ao noso pobo a participar nesta proba”. E engadiu: “agradecemento especial para os empregados do Concello, que de xeito voluntario se sumaron a esta xornada co traballo que realizaron o pasado sábado. E agradecemento tamén para Club Ciclista Burela, ADF Porto de Burela, Club Baloncesto Burela, Fanto Fantini e Protección Civil pola súa implicación e axuda”.

Ramiro Fernández dixo que “finalmente foi menos tempo do previsto o que estiveron cortadas as rúas polas que discorreu a I Carreira Noctura Burela Bonita. Pedimos unha vez máis desculpas polas molestias que se puideron ocasionar e agardamos que todo o mundo entenda que para celebrar unha proba destas u outras características polas rúas do noso pobo é necesario cortar o tráfico por unha cuestión moi importante como é a seguridade tanto dos corredores, como dos condutores e da xente que acude a presenciar a proba”.

O concelleiro de Deportes anunciou que “no 2017 terá lugar a segunda edición da Carreira Nocturna Burela Bonita. Nos vindeiros meses organización e Concello estudaremos a posibilidade de ampliar categorías, veremos si podemos incluír categorías inferiores (nenos) así como algunha actividade a maiores para darlle máis contido á proba e que sexa un día de festa”.

Exit mobile version