Juanel é un artista plástico, nado en Ribadeo; dende hai mais de 40 anos afincado en Foz; fondo coñecedor da súa xeografía física e humana que tanto leva escrutado;extrovertido, dinámico e moi popular, condición que se veu favorecida polo desempeño profesional de carteiro. O dominio da xeografía física revélano os atractivos debuxos dos tradicionais rincóns mariños que antano proporcionaban expresivo tipismo ó hábitat das xentes do mar: “Antigo porto”, “ Na rula”,”Lanchas na ribeira”,”Tupide”,”A vella Avda. de Telégrafos”…
Pola súa banda a galería de persoeiros, tan carismáticos, cos rasgos definitorios de personalidades forxadas ó vai-ven das lanchas sobre as ondas sempre axitadas das nosas costas, aos que o artista avezado é quen de sustraer toda expresividade logrando de cada un dos cuadros expostos à consideración do público unha auténtica obra de arte, como é habitual en Juanel.
Vellos mariñeiros, populares e lendarios, nutren esta galería de arquetipos do mar de Foz: “Bambolia”, “ Saturno”,”Ramón de Chao”,”Colás”, “Normando”,”Suso Castiñeira”, “Moncho Quintanero”,”Manolo da Cacarela”,”Tristán de Perico”,”O Pinche”,”Suso do Relampago”, Tanana”,”Papillo”, “O Nieto”, “Papá Chao”,”O Bochego”, “O vello Relámpago”, “Chila o Vello”.. Un artístico catálogo do entrañable e tradicional mundo do mar de Foz para o recordo e a nostalxia.