Site icon Crónica3.com A Mariña

Modificacións no tráfico rodado en San Cibrao pola Festa da Maruxaina

Cervo, 26 de xullo de 2016. O Concello de Cervo realizará modificacións no tráfico rodado en San Cibrao con motivo da festa da Maruxaina, que se celebrará os días 12 e 13 de agosto.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, explicou este martes que “a fin de semana da festa da Maruxaina, que é de interese turístico galego, concretamente o venres 12 e o sábado 13 de agosto, por motivos de seguridade e co fin de facilitar o bo discorrer da festa, o Concello de Cervo, a través da delegación de Seguridade Cidadá, realizará modificacións e restricións no tráfico rodado de San Cibrao”.

José Ramón Soto engadiu que “tendo en conta a cantidade de visitantes que se achegan á nosa vila a divertirse nesta festa, ademais dos residentes habituais, o que implica un incremento importante do tráfico rodado, dende o Concello de Cervo recoméndase aumentar as precaucións e planificar os desprazamentos dentro do pobo. Por tal motivo, e sempre pensando na seguridade e no benestar dos nosos veciños e visitantes, vémonos na obriga de realizar certas modificacións no tráfico rodado. En concreto na Avenida da Mariña entre a rotonda e Correos estará cortada ao tráfico e non se poderá aparcar dende as 08:00 horas do venres 12 de agosto ata as 12:00 do domingo 14 de agosto. E o sábado 13 dende as 08:00 horas e ata o domingo ás 12.00 do mediodía estará cortado todo o acceso rodado ás rúas de San Cibrao e ao Porto de Arriba. Estes cortes terán a excepción dos vehículos de emerxencias, reparto e servizos municipais”.

O edil comentou tamén que “en canto ao dispositivo de seguridade, hai que recordar que a Concellaría de Seguridade Cidadá e a comisión organizadora da festa, xunto cos corpos implicados no control do tráfico e seguridade, Policía Local e Protección Civil, levaron a cabo unha reunión de coordinación para organizar a loxística, na que se establece un programa de medidas presenciais nas estradas para evitar atascos e posibles incidentes de tráfico, ademais de contar con efectivos de Tráfico, Garda Civil, Policía Autonómica e servizo de Cruz Vermella”.

Soto rematou manifestando que “dende o Concello de Cervo e a comisión organizadora da Maruxaina pedimos desculpas por adiantado a todos os veciños polas molestias que lles poida causar a celebración desta importante festa na nosa vila. Pedimos a colaboración de toda a cidadanía para minimizar os riscos e os problemas que se podan ocasionar”.

Exit mobile version