Site icon Crónica3.com A Mariña

Música, melancólico alimento para os que vivimos de amor

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. Cortázar tivo a fortuna de vivir no París dos 50´e dos 60´cando a posguerra ameazaba con acabar cos xenios do jazz e os músicos americanos atoparon un público máis amplio e receptivo en Europa. Daquela o jazz xermolaba nos clubs da beira esquerda do Sena, onde os rapaces se arrexuntaban a escoitar aos seus novos ídolos, naqueles momentos tanto o jazz coma o rock & roll non gozaban de moita consideración social salvo nos pequenos círculos de afeccionados á música.

O estilo literario do escritor arxentino bebía do be bop e do free jazz, dos garitos, do fume, da loita contra os propios demos, de Parker, Miles, Gillespie, Fats Weller ou Thelonius Monk; por iso se dicía que facía alarde de improvisación narrativa.

Daquela escola de improvisación o arxentino legou para a posteridade algún dos versos con máis lírica da historia da literatura contemporánea e, entre eles, ese que recolle o capítulo 44 de Rayuela e que sirve para poñer nome a este artigo: “Música, melancólico alimento para los que vivimos de amor”.

Paradoxo ou casualidade, de xeito simultáneo á confección deste artigo estaba lendo un blog que refería: “Jazz, ese ruído.” E é que a música se chame como se chame, aínda que teña mil e unha etiquetas, a pesares das denominacións de orixe, de euxenesia crítica e de calquera outra circunstancia é un exercicio de sensibilidade, un “melancólico alimento para os que vivimos de amor”.

Estes días a comarca irradia velocidade e carraxe, distorsión, potencia e rebeldía, emoción e adrenalina. Lonxe queda aquela primeira edición do Viveiro Summer Fest aló polo ano 2006 onde comezou o namoramento, a relación recíproca e simbiótica dun grupo de rapaces que quixeron facer unha festa para eles mesmos –no amor no existe a impostura, as cousas que se fan só teñen o fin de alimentalo-.

O resto de historia xa é coñecida, aquelo que asemellaba ser outra excentricidade máis, propia da xuventude, rematou converténdose nunha auténtica revolución; despois da lírica e da poesía habería que voltar ás cifras, pero incluso éstas non admiten réplica: no ano 2013, con unha afluencia de 33.000 asistentes o “Resu” tivo un impacto económico de 3,3 millóns de euros na economía municipal. E ademais, como o cortés non quita o valente, o festival de marras convive coas celebracións relixiosas de semana santa, consideradas de interese turístico internacional, ¡isto si que é un exercicio de tolerancia e variedade!

Este narrador tampouco é amigo de facer valoracións en termos políticos, pero coido que sería profundamente inxusto non recoñecer o apoio da corporación municipal de Viveiro que respaldou o evento; para valorar a adecuación do finanzamento público do festival tan só habería que botar unha ollada ao resultado final.

Non sei si no caso que nos ocupa é necesario concluír algo, establecer un axioma, seguir un patrón de comezo-nudo-desenlace, o que si teño claro é que me invade un sentimento de euforia, que a cultura é un dereito e unha obriga para os poderes públicos e que debe rexer sempre un principio de liberdade cultural. A cita de Viveiro sitúanos no mapa e na axenda de eventos culturais internacionais.

Por esta razón, chámese como se chame, se lle poña unha etiqueta ou outra, responda a unha ética ou estética determinada, a música foi, é e sempre será, como dixo Cortázar, un melancólico alimento para os que vivimos de amor.” Disfrutemos do sentimento porque éste non sempre late na vida.

Pablo Álvarez Ramos.

Exit mobile version