Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz celebra o Día da Patria este sábado 23 coa Festa do Chicharro Lañado

Foz, a 22 de xullo de 2016.- Este sábado, 23 de xullo, o Bloque Nacionalista Galego vai celebrar en Foz a XXIII edición da súa tradicional chicharrada, dentro do conxunto de actos que os nacionalistas realizan na comarca da Mariña durante este mes para celebrar o Día da Patria Galega, que é o 25 de xullo.

Ao igual que noutras ocasións a romaría celebrarase na explanada do Porto, xunto á lonxa, e dará comezo a partir das sete da tarde para o reparto de racións.

Como xa vén sendo habitual desde hai anos, como prato forte desta xornada festiva – reivindicativa o BNG de Foz vai preparar máis de 1.000 racións de chicharro lañado con cachelos, xunto a liscos, chourizos, pan e viño. A aposta polo chicharro lañado faise por ser un prato característico da nosa dieta alimentaria e polo seu sabor, así como polas significacións que o chicharro tivo para o conxunto dos focegos e da xente da comarca como principal sostén nos anos da posguerra.

O feito de que esta xornada se manteña ao longo destes vinte e tres anos evidencia que se trata dunha festa de todos os veciños e veciñas de Foz e así se explica a implicación de todo o pobo, xa non só na xornada festiva senón na preparación da festa gastronómica. Tanto é así que o BNG quere agradecer por adiantado a todas aquelas persoas que colaboran con nós lañando o peixe así como aqueloutros que colaboran asando o chicharro.

Xa por último, o BNG quere convidar a todos os veciños de Foz e da Mariña a acudir á explanada do porto o vindeiro sábado, 23 de xullo a partir das 19:00 horas a degustar chicharro lañado e a celebrar con nós esta tradicional romaría do verán focego, preludio do Día da Patria Galega que se celebra o día 25 de xullo.

Exit mobile version