Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que “persoa da Deputación efectuou traballos para SUPLUSA contrariando un informe técnico”

Lugo, a 24 de xullo de 2016. Na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de xaneiro de 2016 acordouse textualmente “Encomendar e ordenar a SUPLUSA, como medio propio da Deputación, a execución das actuacións de mantemento extraordinario nas embarcacións e instalacións das rutas fluviais da Deputación”. Esta encomenda tiña un prezo orixinal de 182.752,52 €.

Para a aprobación desta encomenda utilizáronse informes técnicos de varios servizos da Deputación que dicían literalmente e en perfecto castelán, por se alguén non entendera o galego, que o persoal de mantemento non podía realizar este traballo debido a que eran poucos e non tiñan tempo nin a capacitación necesaria para facelo.

O sorprendente da situación é que agora, a través dunha denuncia dos propios traballadores da brigada de mantemento, que son os afectados, enterámonos que durante varias semanas eles mesmos estiveron a realizar estes traballos nas embarcacións, e por orde da empresa SUPLUSA, facendo realmente os traballos que segundo os informe utilizados para a aprobación da encomenda non podían facer.

Ao mesmo tempo, tamén foi unha realidade que durante ese tempo o propio mantemento da Deputación se resentiu dunha forma importante, pois labores urxentes que eran imprescindíbel acometer, quedaron pospostos por mor da falta de persoal de mantemento. As efectos nos edificios da Deputacións producidos polas fortes chuvias caídas nesas semanas son unha boa proba diso.

Para os deputados do BNG a decisión tomada na Xunta de Goberno foi un auténtico fraude, pois“sentimos que votamos unha proposta fundamentada nun engano, outro máis”, manifestou o voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro.

Agora sendo coñecedores desta situación, que segundo os traballadores de mantemento foi unha práctica habitual nos últimos anos, o goberno terá que informar ademais dos motivos,das variaciónsno prezo que se puido producir debido ao uso deste persoal propio da Deputación para estes traballos e que, por suposto, non lle tivo ningún custe a SUPLUSA.

“Outra incógnita que nos queda ao BNG tamén está na legalidade que pode ter que unha empresa como SUPLUSA, que compite no mercado con outras empresas privadas para facer traballos para a Deputación, poida usar persoal pagado pola propia Deputación para o seu funcionamento, non tendo practicamente ningún persoal propio para levar a cabo eses traballos que a Deputación lle encomenda”, preguntáronse tamén dende o BNG da Deputación de Lugo.

Exit mobile version