Cervo, 14 de xullo de 2016. O pleno da corporación municipal de Cervo celebra este xoves a partir das 19:00 horas, un pleno extraordinario no que se presenta a aprobación un convenio asinado coa Xunta de Galicia para o remate do equipamento do centro de día e residencia de maiores construído en San Ciprián. Ese convenio recolle un investimento de 160.000 euros, dos que 10.000 son aportados polo Concello, e o resto correrá a cargo da administración autonómica en dúas anualidades. Este xoves visitaron as instalacións do centro o alcalde, Alfonso Villares; a concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada; e Belén Rivas, de Brec Arquitectura, que é a empresa autora do proxecto.
O alcalde salientou que “neste pleno imos traer varios asuntos, entre eles destaca un importante, que é o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, neste caso a través da Consellería de Política Social, e o Concello de Cervo para o equipamento do centro de día que está situado en San Cibrao”.
O rexedor cervense explica que “en virtude deste convenio a Consellería concede ao Concello unha subvención por un importe de 150.000 euros para a adquisición do equipamento, destes van ser 65.000 euros para esta anualidade do 2016 e 85.000 euros para o exercicio do 2017”.
Alfonso Villares engade que “neste convenio desde o Concello de Cervo tamén nos comprometemos a facer un achegamento para este financiamento a través dunha cantidade de 10.000 euros. Un importe total de 160.000 euros que se van destinar para acabar o equipamento mobiliario deste centro de día e residencia”.
O alcalde de Cervo comentou tamén que “o asunto temos que lévalo ao pleno para facer unha excepción aos límites que un artigo do texto refundido da lei reguladora de facendas locais obriga a que sexa o pleno quen permita facer esta excepcionalidade”.
Villares concluíu destacando que “é un asunto moi importante para que saiban os veciños que este centro de día e residencia que temos en San Cibrao está dando pasos e este é un dos últimos antes da súa posta en funcionamento”.