Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo instala paneis informativos no sendeiro azul da praia do Torno

Cervo, 21 de xullo de 2016. O Concello de Cervo ven de instalar paneis informativos no sendeiro azul da praia de O Torno. Ademais hai un blog e unha app sobre esta ruta, que recibiu a distinción este verán.

A concelleira de Turismo e Medio Ambiente, Manuela Méndez, sinala que “o Concello de Cervo ven de estrear o novo sendeiro azul de O Torno que é o que pasa todo ao longo da praia do mesmo nome. O sendeiro azul foi concedido, o mesmo que a bandeira azul, pola asociación ADEAC e recíbeno aqueles lugares que teñen unha praia de bandeira azul e un paseo todo arredor dela cun significado que conxugue presente e pasado dos pobos”.

A edil cervense engadiu que “o noso sendeiro azul da praia de O Torno conta cun percorrido de 2,36 quilómetros e a maior parte do traxecto transcorre polo perímetro da praia de O Torno. O itinerario permite a observación de conxuntos de planicies intermareales, marismas, cordóns dunares, etcétera … Por outro lado conxuga o noso pasado e presente; proba disto son as carpinterías de Ribeira que temos nel, as fábricas de salgaduras, o serradoiro e sen deixar de facer referencia á popular festa da lenda da Maruxaina, que se celebra todos os segundos sábados de agosto. Incluso para poder gozar ao máximo desta camiñada non faltan espazos de recreo e esparexemento, como é a Praza dos Campos ou o Museo do Mar”.

A responsable de Turismo e Medio Ambiente subliña que “o itinerario fauna e flora do sendeiro azul pódese ver no blog senderoazulotorno.wordpress.com. Ademais ADEAC ten unha app na que tamén aparece o noso sendeiro que é reddesenderosazules”.

Manuela Méndez comenta que “é un sendeiro moi aproveitable para todo aquel que queira coñecer un pouco o que é hoxe San Ciprián e o que foi, posto que parte do sendeiro ven do porto pesqueiro de San Ciprián, onde temos unha capela, a máis antiga do pobo, e logo tamén podemos apreciar a praia de Cubelas, as dunas da praia de O Torno, etcétera”.

A responsable de Medio Ambiente cervense conclúe que “con este novo galardón o Concello de Cervo síntese moi satisfeito de poder ofrecer a veciños e visitantes un lugar moi singular do noso pobo”.

Exit mobile version