Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo inicia as obras no centro cultural Alcántara onde se emprazará o centro de Interpretación do Camiño Norte

Mondoñedo 20 de xullo de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo dará comezo este xoves ás obras no centro cultural Alcántara onde se emprazará o próximo Centro de Interpretación do Camiño Norte. A rexedora, a popular Elena Candia, explica que o seu partido aposta pola recuperación e posta en valor deste inmoble, así como por dar un impulso ao centro de interpretación facendo un uso axeitado dos recursos humanos e económicos, algo que non se ten feito ata o de agora por parte dos anteriores responsables públicos.

O equipo de Goberno do PP critica o legado recibido polos seus antecesores tras coñecer un informe técnico do estado no que o centro se atopaba no momento da toma de posesión do Partido Popular. A rexedora explica que o documento deixa á vista que “dilapidaron o diñeiro que a Deputación lles regalou sen ser capaces de por en valor os recursos nin xestionar de xeito responsable”.

“Lamentablemente temos que seguir facéndolle fronte aos problemas herdados do anterior Goberno municipal que non deixamos de atoparnos, e este é un deles, un exemplo de despilfarro de recursos públicos aos que non se lles deu ningún uso e se permitiu que as instalacións se deterioraran de xeito alarmante”.

Contido do informe
O informe elaborado polos técnicos advirte dun estado “xeral de abandono” do centro que afecta directamente ás instalacións eléctricas e electrónicas. Cita avarías no cadro xeral da electricidade, no sistema de calefacción, así como en toda a parte electrónica, en concreto advirte que non funcionan televisores, proxectores, altofalantes, ordenadores e reprodutores de DVD. Tamén recolle a falta dalgúns dos ordenadores que antes había no centro.

Novo centro de interpretación
O plan para o Centro de Interpretación, que conta cunha inversión de 40.000 euros, consistirá en “artellar un novo guión expositivo que combine o contido actual do Centro Cultural de Alcántara, no que se fai unha homenaxe aos mindonienses ilustres, coa riqueza cultural do Camiño de Santiago na contorna de Mondoñedo”. O director e coordinador do proxecto será César Abella, director xeral e fundador de TRIVIUM, estratexias en cultura e turismo.

Deste xeito, o novo centro respectará os medios expositivos de Alcántara que están incrustados nas paredes na antiga igrexa, como os andeis relacionados cos ilustres nados na vila de Mondoñedo, como son Antonio Noriega Varela, José Pacho, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro e Álvaro Cunqueiro. En cambio, os medios expositivos dispostos no corredor central, relacionados coa imprenta e o patrimonio musical, si poden distribuírse doutro xeito para gañar este espazo e colocar nel o contido do Centro de Interpretación do Camiño de Santiago.

Así, construiranse dous relatos con dúas liñas de lectura: unha interior ou central, dedicada ao Camiño, e outra exterior ou lateral, dedicada aos ilustres mindonienses.

Candia precisou que “o novo servizo contará ademais cunha serie de paneis e vídeos sobre o Camiño de Santiago nos que se amosarán non só os aspectos xa tratados nas salas do antigo Centro de Interpretación como son a infraestrutura do Camiño, a paisaxe diversa, as etapas do Camiño, os puntos de interese máis salientables a nivel arquitectónico, e a maqueta interactiva cos vídeos. Tamén se tratarán temas relacionados coa hospitalidade, a simboloxía e os relatos de peregrinos históricos que fixeron o Camiño Primitivo, recentemente galardoado coa máxima distinción da UNESCO, de Patrimonio da Humanidade”.

Importancia para promocionar os municipios
A alcaldesa salienta a vital importancia da posta en marcha deste novo Centro de Interpretación do Camiño Norte no Concello de Mondoñedo. Indicou que “estes espazos pretenden atender a peregrinos, visitantes e ao público en xeral para darlles unha visión de conxunto das características e valores do Camiño ao tempo que serven para promocionar os municipios polos que pasa ao informar de todo o relacionado con estes lugares e os seus arredores”.

Exit mobile version