Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno aproba o Lugo Termal para facilitar aos maiores o acceso a tratamentos en balnearios

O Executivo da Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno o Lugo Termal 2016, a programación que potencia o benestar social e o turismo termal na provincia. Así o adiantou o voceiro. Álvaro Santos Ramos explicou que está dirixida a lucenses maiores de 55 anos e ofrece descontos de ata 60 euros para recibir terapias mineromedicinais nos 4 establecementos da provincia que ofrecen estes tratamentos.

Estes son o Hotel Balneario Augas Santas, en Pantón; Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei; Hotel Balneario Guitiriz e Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas.

Lugo Termal conta cun orzamento de 36.000 euros, cos que a Deputación poderá subvencionar un total de 600 prazas dende setembro a decembro. “Os descontos nos balnearios estarán a disposición dos interesados durante este período porque agora, unha vez aprobada hoxe esta programación, temos que publicala no Boletín Oficial da Provincia, abrindo, entón, o prazo legal establecido para a adhesión dos establecementos aos que vai dirixido o Lugo Termal”, explicou Santos.

Paquetes subvencionados e prezos
Os paquetes nos que se ofrecerán descontos son os seguintes: 6 días con 5 noites de estancia, no que o día de entrada é o domingo e o de saída o venres. Inclúese a comida; 5 pensións completas; 8 técnicas de balneario. Os establecementos deberán ofrecer 1 recoñecemento médico á chegada. Tamén un programa de animación sociocultural de luns a xoves. Santos Ramos explicou que en anteriores convocatorias, tamén con descontos da Deputación de 60 euros, conseguíronse prezos de 70 euros sen estancia e de 170 con ela. Os prezos para esta nova edición dependerán das ofertas presentadas.

Atención especial e acompañantes

Lugo Termal ofrece, ademais, atención especial ás persoas con problemas de mobilidade, para garantirlles o acceso e goce dos tratamentos termais; así como programas específicos a persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial.

Os beneficiarios das prazas poderán acudir cun acompañante, que tamén terán a posibilidade de desfrutar destes descontos aínda non ter máis de 55 anos, pero sempre que sexan de Lugo. Deberán xustificar o seu empadroamento na provincia.

5.000 persoas
O voceiro explicou que “decidimos reeditar esta programación debido ao éxito das 5 anteriores convocatorias, nas que participaron case 5.000 lucenses, aos que lles ofrecemos facilitades de acceso a tratamentos mineromedicinais, potenciando, deste xeito, o benestar social.

Oportunidade económica
“Tamén o facemos pola oportunidade económica que supón a riqueza termal coa que conta a provincia. Segundo datos do Observatorio do Termalismo, Galicia é a Comunidade coa maior riqueza termal de España. No último ano, o turismo termal aumentou nun 40% no conxunto do territorio galego, especialmente, en Lugo. A media de gasto do turista termal na provincia é de entre 500 e 1.000 euros”, concluíu.

Exit mobile version