Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación defende a inclusión da Linguaxe de Signos na educación obrigatoria

pres-iniciati-linguaxO voceiro do Goberno da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, presentou este venres, xunto ao Presidente da “Asociación de Personas Sordas de Lugo” (ASORLU), Brais Vila, a moción que o grupo provincial socialista levará ao vindeiro Pleno Provincial en defensa da inclusión da Linguaxe de Signos na educación obrigatoria.

Santos Ramos sinalou que “vamos a instar tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Educación a que impulse a introdución da Linguaxe de Signos na ensinanza obrigatoria, non só no ámbito dos estudantes, senón tamén do profesorado”.

Pola súa parte, Brais Vila agradeceu ao grupo provincial socialista esta iniciativa. “A moción é un pequeno gran paso porque o colectivo xordo, que é practicamente invisible. Temos un problema na comunicación e vivimos nun mundo de oíntes. Se dende pequenos se ensinara pouco a pouco a linguaxe de signos aforraríase moito tempo e recursos máis adiante”.

Hai que ter en conta que, segundo datos oficiais da Consellería de Política Social, o número de persoas en Galicia que sofren unha discapacidade sensorial é de case 40.000. Destas, unhas 3.400 son da provincia de Lugo.

Santos Ramos sinalou ademais que “dende o Grupo Provincial Socialista cremos nunha sociedade ambiciosa e dinámica, que continuamente debe estar mellorando a oferta de servizos e prestacións en todos os ámbitos e, de xeito transversal, que nos permita, colectivamente, desenvolvernos de xeito xusto, adquirindo novos dereitos e oportunidades que nos igualen a todos os cidadáns”.

Neste senso, o voceiro socialista engadiu que “consideramos factible e necesario que se avance na introdución e coñecemento na sociedade da linguaxe de signos e facelo dende o sistema educativo na ensinanza obrigatoria, pois será garante de que todos poderán acceder ao coñecemento desta lingua”.

“A comunidade xorda ten unhas necesidades comunicativas diferentes ás dos falantes que todos coñecemos, pero tamén os falantes de calquera outra lingua temos necesidades comunicativas especiais á hora de relacionarnos con eles, perdendo a oportunidade, non só de compartir, se non tamén de adquirir coñecemento cos membros desta comunidade. Tampouco ninguén é alleo a atoparse en calquera momento da súa vida na situación que requira o coñecemento da lingua de signos para poder comunicarse e empregala no desempeño habitual”.

Propostas
Por todo o dito, a moción que o Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo levará ao debate no próximo pleno recolle os seguintes acordos:

– Impulsar e promover a linguaxe de signos dentro do sistema educativo a través dunha oferta plural de actividades e recursos que faciliten a súa incorporación á formación do alumnado.
– Impulsar e promover a ensinanza da linguaxe de signos no ámbito das posibilidades de formación do profesorados.
– A través da Conferencia Sectorial de Educación, instar ao Ministerio de Educación á promoción da ensinanza da linguaxe de signos no sistema educativo mediante a creación dun programa específico con dotación orzamentaria propia adicado a este fin e dirixido ao alumnado, docentes e familias.
– Promover a inclusión da ensinanza da Lingua de Signos na educación obrigatoria.

A linguaxe de signos ten o recoñecemento de Lingua Oficial dende a aprobación da Lei 27/2007, de 23 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, o que foi un antes e un despois para as persoas afectadas por estas situacións.

Dende o Grupo Provincial Socialista sinalan que “todos cantos avances se poidan producir para satisfacer esta necesidade primaria de comunicarnos e relacionarnos con fluidez entre persoas deben ser impulsados polas administracións competentes para elo”.

Exit mobile version