Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno local de Mondoñedo destinará gran parte do investimento do POS aos núcleos rurais

Mondoñedo, 22 de xullo de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, anuncia que o Goberno local executará con cargo do Plan de Obras e Servizos (POS) actuacións en distintos núcleos rurais, centrando a súa actuación na rede viaria e nos accesos a vivendas por consideralas “moi necesarias para todos os veciños e veciñas”.

En concreto, Mondoñedo investirá 66.444 euros entre a achega da Deputación provincial e os fondos municipais que irán destinados, entre outros, ao acceso aos núcleos dos polígonos agrarios, pistas en Masma, Arco, Ferrería, O Casal, Coto da Recadieira, Tronceda, Estelo, Lousada e os Cucos, na parroquia dos Remedios.

O anterior Goberno abandonou o rural
A rexedora explica que este investimento, sumado ao do Plan Marco de Camiños e Obras permitirá que o Goberno local actúe de xeito integral na rede viaria e nos accesos públicos entre vivendas, “obras moi demandadas que urxe acometer ante o estado de abandono no que o anterior Goberno deixou ao rural”.

O Concello de Mondoñedo defende a necesidade de levar a cabo estas melloras no rural xa que, como subliña a alcaldesa, “para nós é unha prioridade, o contrario que para os nosos antecesores que o deixaron abandonado e descoidado ao preocuparse, de xeito exclusivo, polo casco histórico e con escaso éxito”. Como exemplo, cita, basta con fixarse na obra do seminario na que dilapidaron un millón de euros “para nada”.

A alcaldesa, Elena Candia, defende que baixo o seu mandato as obras se levarán a cabo atendendo ás necesidades reais das parroquias e da zona urbana e sen discriminacións de ningún tipo.

Exit mobile version