Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo ‘Por nuestro Faro’ reivindica que “a illa Pancha é dos ribadenses”

O Concello de Ribadeo ven de acordar a concesión da licencia municipal para poñer en marcha un hotel de dúas suits na Illa Pancha e aprazar a instalación dunha cafetería baixo cuberta de plástico. Ou sexa a decisión política de Suárez e o BNG de dar todo tipo de facilidades a este proxecto vai adiante con tódalas consecuencias. Estas serán que a destrucción da Illa Pancha, tal como a coñecemos ate agora está garantida. Aínda que polo dagora non se autorice a cafetería, o simple comezo das obras, as medidas de seguridade, a presencia de automoveis, furgonetas, materiais de construción, persoal, cartelería, etc. xa determina un cambio irreversible na imaxe e na situación actual da illa e o do faro.

A disculpa do alcalde cando declara que a licencia para este proxecto debe ser concedida preceptivamente contrasta co súa decisión política de rexeitar o galpón que a empresa Galigraín proxectaba no porto de Figueirúa en febreiro de 2008. Daquela Suarez levou ao pleno e conqueriu a rexeita por unanimidade, mesmo sen que se chegase a presentar o proxecto técnico. Esta foi unha decisión política pura e dura, daquela Suarez tiña catro concellais, agora ten once, a lexislación é a mesma pero os intereses políticos son outros. A Illa Pancha vai quedar convertida nunha estrafalaria reliquia do pasado polas comenencias da carreira política dunha persoa e @s suas compañeir@s de viaxe. Porque non nos engañemos, se ben a promoción inicial foi do Ministerio de Fomento, coa colaboura da Xunta de Galicia, a tramitación posterior do expediente deixa tantas portas abertas e ten tantas carencias que o Concello de Ribadeo tiña infinidade de oportunidades de conxelalo ou mesmo suspendelo. Dende a falla de informe da Rede Natura 2000, de memoria económica e de sustentabilidade, ate as contradiccións cas recomendacións da Reserva da Biosfera, pasando polo dubidoso proceso de convocatoria e exposición pública, o alcalde estaba perfectamente autorizado para darlle marcha atrás se non tivese decidido lévalo adiante dende o primeiro día. O mesmo os incumplimentos de prazos e os aprazamentos sucesivos. O expediente debeu de entrar no concello de ribadeo nos primeiros meses de 2014. A data exacta non a sabemos pola obstrucción informativa de Suárez. Dende esa data ate a publicación por El País dun informe sobre a reconversión dos faros, o 22 de Abril de 2015, o alcalde non deu nengún tipo de información e a exposición pública se a houbo levouse co máximo sixilo. As suas declaración a El País non deixan lugar a dúbidas: O proxecto era “un premio para Ribadeo” polo ben que se levaba a política urbanística. Repárese no contido da frase.

Ata aquí chegamos. O colectivo “Por Nuestro Faro” carece de recursos para enfrontar unha demanda xudicial, pero nos imos quedar calados. Consideramos dende o comezo que a Illa Pancha non se debe privatizar nen coverter o faro nun hotel porque forman parte dun patrimonio sociocultural irrenunciable. Iso por riba doutras consideracións legalistas, ambientais ou economicistas e imos seguir nesa teima. A ILLA PANCHA É DOS RIBADENSES E DE ADEUS Á ILLA PANCHA NADA.

Exit mobile version