Site icon Crónica3.com A Mariña

O III Ribadeo Indiano convértese “na fin de semana máis importante do ano xunto á Semana Santa para hostaleiros e comerciantes”

Ribadeo, 11 de xullo de 2016. Acisa fai un balance moi positivo do terceiro Ribadeo Indiano, que concluíu este domingo coas actividades celebradas onte pola tarde na Devesa e en Rinlo. O presidente, David Martínez, estima que unhas 35.000 persoas pasaron o fin de semana por Ribadeo e que o volume de negocio xerado pola terceira festa indiana foi de máis de tres millóns de euros.

Martínez considera que “en tan só tres anos Ribadeo Indiano converteuse en todo un éxito de participación, de implicación, de movemento económico. É o fin de semana máis importante do ano para os nosos hostaleiros e comerciantes, xunto á Semana Santa. Quero destacar o labor dos comerciantes e hostaleiros na decoración e na ambientación dos seus establecementos, na elaboración de menús e de bebidas da época. Todo co obxectivo de recrear da mellor forma posible a época indiana. Os hoteis estiveron a maioría ao 100% de ocupación e outros a rozaron. Os bares, mesóns e restaurantes traballaron sen descanso durante todo o fin de semana. Cando estaban a limpar e recollendo despois de servir centos de comidas ao mediodía, xa empezaba a hora dos viños e das ceas. Segundo cóntannos os nosos asociados foi un sen parar e estamos encantados por iso”.

O presidente de Acisa sinala que “Ribadeo Indiano vai a máis ano tras ano. Mostra diso é que os tres aparcadoiros provisionais habilitados polo Concello enchéronse este fin de semana. Podíanse ver coches aparcados ata A Vilavella por unha banda e ata o campo de fútbol polo outro. As rúas e prazas alagáronse de pamelas e de chapeus panamá. Nenos e nenas, adultos e maiores, todos gozan da festa indiana grazas ao amplo programa de actividades ofertadas con música, visitas guiadas, teatro, xogos, xincanas para adultos e para nenos e nenas, animación rueira. A imaxe que se podía ver desde Villafranca del Bierzo ata San Roque era espectacular, grazas á marea branca que alagou as rúas de Ribadeo durante estes tres días”.

David Martínez estima que “unhas 35.000 persoas pasaron por Ribadeo durante a celebración desta terceira festa indiana, que xerou un movemento económico de máis de tres millóns de euros”. E agradece “a implicación dos nosos comerciantes e hostaleiros, que é moi importante, pero tamén a dos nosos veciños, veciñas e visitantes que durante semanas prepararon as súas vestimentas para encher de colorido Ribadeo”. O presidente de Acisa destaca “o traballo conxunto realizado estes días do mesmo xeito que durante os últimos meses entre o Concello e a Asociación de Comerciantes para que o Ribadeo Indiano siga crecendo e atraendo a máis público. Agora toca facer balance e comezar a traballar na próxima edición desta festa”.

Exit mobile version