Un referente para xeracións e xeracións de rapaces da comarca que pasamos polas súas aulas. Algúns tivemos a inmensa sorte de ser os seus alumnos tanto no CEIP Vista Alegre coma no IES Monte Castelo.
Non era un mestre calquera. Non se limitaba a pasar a lección e seguir o libro, á vella usanza. O certo é que se xuntou cunha gran xeración de docentes na escola que entendían a docencia de xeito moi similar ó seu. Optimizaba os recursos, mobilizaba a comunidade educativa (nais e pais incluídos) e poñía o seu tempo, a súa capacidade, a súa vida ó servizo do noso aprendizaxe. Ensinábanos a escribir, a facer operacións, a tocar instrumentos coma calquera outro mestre, pero tamén a historia e a cultura propia, incluso da Mariña e da nosa vila. As festas formaban parte do aprendizaxe e incluso nun magosto ou nun carnaval non deixaba de ensinarnos cousas. Mención especial merecen as obras teatrais que levabamos a cabo cun experto dramaturgo coma el guiándonos e facendo cun grupo de neniños grandes musicais.
Logo de tres anos (de 2º a 4º de primaria) nos que espabilamos con el, recordo un gran balbordo entre as nosas familias cando chegamos a 6º e nos anunciaron que debíamos comezar a ESO e pasar o instituto con dous anos de adianto. As nais e pais temían as posibles consecuencias da diferenza de idade entre nós e os rapaces que xa levaban anos alí. Cando souberon que Paco tamén viña con nós para o IES Monte Castelo ese temor decreceu. E cando lles dixeron que sería o noso titor foi como se todo volvese á normalidade. So a súa presenza tranquilizou unha morea de familias. Non era de casualidade.
Demostrou nesta nova época a súa gran capacidade. Despois de ensinarnos o mais básico e o mais próximo, sentou a nosa base científica como mestre de física e química conseguindo entre moitos de nos unha curiosidade que definiu as nosas posteriores escollas. E como fomos medrando comezamos a ver como aparecía nos medios como gran axente cultural da comarca.
Pasaron os anos, deixamos o instituto e fixémonos adultos. El seguramente seguiu a ensinar como se facían as cousas con sentidiño ou con xeito, a comportarse como as persoas e sempre con todo tipo de brincadeiras, pero os que fomos os seus alumnos vemos nel unha figura crucial nas nosas vidas, sen o que a nosa mocidade non se explicaría.
Nos últimos anos tiven de novo a sorte de compartir novos retos con él, é decir, varios dos que eran os seus alumnos no instituto eran rapaces ós que eu adestraba na Escola Deportiva Burela Fútbol Sala. Comprobei como o mestre segue a espertar admiración entre o seu alumnado, como as verbas que adoito empregar con eles non son descoñecidas para os rapaces porque “iso é o que nos di Paco” e como se alegran cando lles digo que él tamén foi o meu mestre.
Aínda que xa non esté nas aulas sabemos que vai continuar na súa incansable tarefa cultural, ampliando así o seu legado e agrandando a súa influencia nos que o coñecemos. Daría o que fora por influir ou condicionar a aprendizaxe e desenvolvemento dos rapaces cos que traballo só nunha pequena proporción e de xeito tan positivo como el foi capaz de facer sempre. Porque facer contas, tocar a frauta ou formular foi o de menos. O realmente importante é como nos esculpiu en valores como persoas. Por iso, eternamente agradecido.
Moitas grazas e moita sorte, Mestre!!!!!!!!!
Mario Pillado.