Site icon Crónica3.com A Mariña

Os datos de delincuencia e os dispositivos de seguridade para as festas do verán, abordados na xunta local de seguridade de Cervo

Cervo, 5 de xullo de 2016.-Na reunión da xunta local de seguridade celebrada este martes no Concello de Cervo abordáronse os datos de delincuencia e os dispositivos para as festas que se celebrarán no municipio durante este verán. As taxas de criminalidade son máis baixas que a media da provincia e reducíronse respecto ao ano pasado.

O alcalde cervense, Alfonso Villares, explicou que “tivo lugar unha sesión ordinaria da xunta local de seguridade de Cervo, na que estivo presente o Subdelegado do Goberno en Lugo e os distintos representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, autonómicas e locais. Foi unha xunta na que, como todos os anos, comentamos como están as taxas de delincuencia no noso concello. A destacar o dato importante de que baixaron esas taxas de criminalidade no concello de Cervo con respecto ao ano pasado e ademais son máis baixas que as da media da provincia. Penso que iso é un aspecto importante, que nos dá a ver que Cervo é un sitio tranquilo para vivir”.

Alfonso Villares engade que “estes datos tampouco nos poden deixar totalmente tranquilos, porque mentres existan algúns delitos non podemos estalo. Pero si nos poñen nesa disposición positiva de que as cousas que se están a facer en aspectos de seguridade no noso concello van no bo camiño”.

O alcalde de Cervo declarou que “tamén nesta xuntanza se comentaron os dispositivos de seguridade que vai haber con motivo das distintas festas e eventos que imos celebrar durante o verán no noso concello, principalmente para as festas da Maruxaina, da Queimada e un evento que vai ter lugar a finais de xullo en Sargadelos, que é o festival Gadélica. Hoxe nesta sesión ordinaria falouse destes dispositivos, pero quedamos en que a finais de xullo volveremos reunirnos para xa en detalle profundar en cómo imos dispoñer estes dispositivos de seguridade”.

Villares dixo finalmente: “felicitámonos porque estas taxas de delitos no noso concello baixan, pero sempre coa alerta de que temos que seguir traballando para que o noso concello sexa como nestes momentos, seguro para vivir e tranquilo para estar”.

Exit mobile version