Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo lamentan “ter que gastar 80.000 euros en reparar os erros que o goberno consentiu nas obras do saneamento de San Cibrao”

CERVO, 15 DE XULLO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo denuncian tralo pleno extraordinario celebrado no Concello na tarde de onte que “a falta de planificación e xestión deste equipo de goberno de Cervo é total e absoluta, como se nas mesmas mans da improvisación estivésemos”.

Como primeiro punto do día, o goberno presentou a aprobación dun convenio asinado coa Xunta de Galicia para o remate do equipamento do centro de día e residencia de maiores construído en San Ciprián. “A ver se desta vai. Estamos a falar dunha obra que se iniciou no ano 2010 e que tiña que estar rematada no ano 2012. Estamos no 2016 e polo visto nin está rematada nin se prevé que se remate neste ano”.

Dende o GMS auguran que “non estará lista neste ano, nin no seguinte. A día de hoxe seguimos gastando diñeiro público nunha obra ben necesaria para os nosos veciños da que non teñen a menor idea de cómo se vai a xestionar nin cando comezará a funcionar. Seguramente, teñamos que agardar ao 2019 para que o señor alcalde a venda políticamente. Mentras, imos a trompicóns, sen cumplir con prazos nin ordes establecidas. E así, o equipamento novo facéndose vello”.

Saneamento de San Cibrao
Cumprindo coa mesma liña, seguimos co saneamento de San Cibrao, unha obra que “cando a tiveron que xestionar, non souberon dimensionala e dedicáronse a facer parcialidades coma se de un puzzle se tratase. Para paliar agora todas as súas deficiencias, para paliar a súa falta de previsión e planificación, todos son parches e remendos. Invertindo e gastando cartos públicos en poñer en funcionamento novos e antigos tramos”.

Máis de 80.000 euros pagaremos todos os cervenses para solucionar os problemas que o goberno non soubo prever cando se realizou esta obra. “Son dúas actuacións. Por unha banda, uns 54.000 euros, irán destinados á reparación do emisario da estación de bombeo e outros 26.000 euros irán dirixidos á reparación do equipo de trituración do tanque de tormentas”.

E os socialistas pregúntanse, ¿Cómo é posible que que unha obra que leva escasamente dous anos supostamente funcionando xa necesite de reparacións desta envergadura? “O propio goberno afirma que non só é unha avería puntual, senón que se trata dun defecto constructivo. ¿Que pasou entón, cando lles entregaron a obra non se deron conta? Ou é que como non se puxo en marcha ata longo tempo despois de ser entregada e finalizada a garantía ¿non se deron conta de que tiña estes defectos?”.

Con todo isto, o Grupo Municipal Socialista subliña que “está máis que claro que a responsabilidade ten que recaer neste equipo de goberno, na súa falta de xestión e na desidia e deixadez que veñen demostrando ano tras ano. A parte das continxencias normais que se poden dar para reparacións, o certo é que seguimos gastando cartos en mantementos deficientes, nulos ou inexistentes que logo hai que atallar con reparacións que son cada vez máis custosas. Isto non se pode seguir consentindo”.

E menos cando esta falta de preocupación polo Concello se fai visible non só no saneamento, senón tamén no resto de instalacións municipais, “o mantemento brilla pola súa ausencia. E pensamos tamén na EDAR de Cervo ou no saneamento de Trasbar ou Castelo. Son moitos os exemplos que comparten esta mesma problemática e non cremos que sexa por falta de persoal nin de presuposto. A causa témola ben clara”.

Remataron destacando que “xa está ben de tanta deixadez, incompetencia, falta de compromiso, falta de planificación e falta de proxección de futuro. Cando se necesitan as obras, necesítanse. Pero nós non seremos cómplices das súas ineptitudes. Os veciños e veciñas de Cervo merecen algo máis que isto de ir apagando lumes por etapas. Cervo necesita dun proxecto de xestión integral e dun proxecto de futuro. Esiximos que se poñan a traballar con implicación e seriedade”.

Exit mobile version