Site icon Crónica3.com A Mariña

Semana de actividades para toda a familia en Ribadeo antes da Festa Indiana

Metidos de cheo no verán comezan en Ribadeo as actividades para peques e para @s que xa non o somos tanto. Este mércores 6 de xullo ás 20.30 horas ábrese en Ribadeo o programa Cultura no Camiño que trae ás vilas de peregrinaxe, unha serie de actuacións e eventos para desfrutarmos ao aire libre.

O Parque de San Francisco acollerá a actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona a partir das 20.30 horas con entrada de balde. Uxía Lambona e a Banda Molona defínese como un proxecto lúdico, musical e educativo, que pretende sobre todo divertir @s nen@s, achegándolles os temas tradicionais galegos dunha forma nova e atractiva, utilizando para iso novos estilos musicais (ska, rock, hip-hop…) para que así coñezan e manteñan a nosa música tradicional popular.

En caso de chuvia, o musical infantil desenvolverase no Cine-Teatro.

E o xoves, día de actividade constante para o público familiar. Ás 19.30 horas bota a andar tamén no Parque San Francisco un serán cheo de entretemento e diversión para o público familiar con actuacións ben diversas cun claro obxectivo facernos pasar uns bos momentos. Vai encadrado no marco do programa “Vive o Camiño”.

Comezaremos co espectáculo de maxia de Don Gelati, a cargo de Dani García. Pasadas as 20.30 horas comezará Isla Letriska co seu último show de clown e malabares, chamado “Inmobile”. E ás 22.00 horas imos coa actuación folk “O tambor de prata” de Vaamonde, Lamas & Romero. Será un día para non perder en que pequenos e maiores quedaremos cautivados pola maxia, os malabares e o folk.

III Ribadeo Indiano
E o venres comeza a festa do Ribadeo Indiano na que se recreará entre o 8 e o 10 de xullo unha sociedade claramente influenciada polas tradicións e modas traídas polos indianos nun ambiente festivo que promete facer desta terceira edición un recordo imborrábel.

PROGRAMA
Venres 8 de xullo
18.00h. No Teatro desta vila, PROXECCIÓN DA GRAN PELÍCULA-DOCUMENTAL “A legacy of smoke” (Un legado de fume) dirixida polos afamados James D. Fernández e Luis Argeo.

A continuación, entretido COLOQUIO cos directores e descendentes de españois emigrados aos Estados Unidos, Anthony Carreño e Laura Goyanes, así como co ilustre John Rañón, descendente de emigrados a Tampa (Florida), saídos da Devesa.

20.15h. Dende o Teatro desta vila, animado percorrido musical ata o PORTO DE PORCILLÁN acompañado do reputado grupo de música Cuarteto Tradicional Illa Pancha.

20.30h. No histórico peirao de Porcillán, A CHEGADA DOS INDIANOS. Animación teatral a cargo das admiradas actrices e distinguidos actores do Grupo de Tetro de Ribadeo.

21.00h. SUBIDA DENDE O PORTO con recreación musical a cargo dos grupos Versiones al paso e Son de Puerto Rico, nas emblemáticas escaleiras de Martínez, no fermoso recuncho do Patín e na célebre Fonte dos Catro Canos.

21.30h. No quiosco da Música desta vila, lerá o PREGÓN Dona Panchita, amante dos libros e da música, chegada de ultramar para departir co noso ilustre ribadense Don Pancho.

22.00h. No quiosco da Música do fermoso parque de San Francisco GRAN CONCERTO MUSICAL da Banda de Música Municipal de Ribadeo.

22.30h. GRAN PASEO. Amenizado e comentado polo ilustre fillo de Ribadeo D. Xosé María Alonso de Trelles, o noso querido Viejo Pancho, que no presente verán de 1906 hónranos coa súa presenza para folgar durante un período de tempo na vila, recén chegado dos pagos da República Oriental do Uruguai. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte neste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.

23.00h. VERSIONES AL PASO. Ameno percorrido musical polas melodías americanas no Quiosco da Música desta vila.
Ao longo de todo este día cheo de marabillosas experiencias, a bon seguro que desexaremos cumplimentarnos nas nosas afamadas casas de comidas e bebidas.

Sábado 9 de xullo
11.00h. GRAN MERCADO DE PRODUTOS DE ULTRAMAR E INDIANOS. No barrio de San Roque desta vila, abrirá á concorrencia a dita hora.

11.30h. Na histórica praciña de Abaixo, apertura do RECUNCHO DA ARTE, con demostración e exposición de pintura para deleite dos transeúntes.

12.00h. Na buliciosa Praza de Abastos desta vila, exposición de COCHES CLÁSICOS: o progreso tecnolóxico feito beleza.

12.00h. GRAN PASEO polo Ribadeo Indiano. Amenizado por unha visitante misteriosa que vén ata estas terras na procura das raíces dos seus fillos. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte deste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.

12.00h. Na tradicional Praciña de Abaixo. ACTUACIÓN MUSICAL a cargo do popular grupo Los Nostálgicos.

12.30h. Na entrañable praciña de San Roque, para os pícaros e pícaras desta vila, MINIXINCANA. Previa reserva**

12.30h. No Teatro desta vila. CHARLA CONFERENCIA: “Os haigas dos Indianos”. Disertación a cargo de Don Ramón Roca Maseda, patrono da fundación cultural do RACE. Introduce o acto Don Eduardo Gutiérrez Fernández, ilustre profesor e historiador local do moi nobre concello de Ribadeo.

13.00h. PASARRÚAS a cargo do popular grupo de mariachis Hispanoamérica.

13.30h. No emblemático barrio de San Roque. ACTUACIÓN MUSICAL a cargo da prestixiosa Orquestra A Gramola.

17.00h. Divertida e emocionante XINCANA. As mozas e mozos que desexen tomar parte na mesma deberán realizar a súa reserva previamente.

17.00h. PASARRÚAS a cargo da divertida charanga Santacompaña.

17.30h. De novo en San Roque, DEGUSTACIÓN DE CÓCTELES por cortesía do antiquísimo Ron Arehucas: a historia feita aroma percorrendo o seu padal.

17.30h. No vello parque de Indianos. I GRAN ABERTO DE QUIMBUMBIA (Billarda) do Ribadeo Indiano.

17.30h. GRAN PASEO polo Ribadeo Indiano. De novo amenizado pola nosa visitante misteriosa. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte neste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.

18.00h. INSTRUTIVO TALLER DE BAILE DE SALSA CUBANA. No fermosísimo Cantón dos Moreno desta vila, a cargo de Don Miguel David Herrera Lage, prestixioso profesor de baile latino da universidade compostelana.

19.00h. No Teatro da vila. CHARLA E COLOQUIO. “A noventa millas: circuítos migratorios dos galegos en Cuba e os Estados Unidos”.

Moderará esta interesante charla:

· Dona Pilar Cagiao. Profesora Titular de Historia de América pola USC. Membro da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración Galega do CCG.

Instruirannos cos seus reputados coñecementos e ponderadas opinións:

· Don Ramón Villares. Catedrático de Historia de América pola USC. Presidente do Consello da Cultura Galega.

· Don Vicente Peña. Profesor Titular de Teoría e Historia da Educación pola USC. Membro da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración Galega do CCG.

· Don James Fernández. Catedrático de Literatura e Cultura Españolas pola New York University.

· Dona Rosario Márquez. Profesora Titular de Historia de América pola Universidade de Huelva.

· Don Pablo Rodríguez Vivín. Libreiro ribadense e estudoso da época Indiana.

20.30h. XXII FESTIVAL DE HABANERAS E MÚSICA HISPANOAMERICANA RÍA DE RIBADEO. Amenizado pola afamada Coral Voces Amigas de Medina del campo (Valladolid), pola distinguida Coral San Agustín de Guadalix (Madrid) e pola prestixiosa Coral Polifónica de Ribadeo. No indiano barrio de San Roque desta vila.

23.00h. GRAN VERBENA TRADICIONAL. No quiosco da Música do parque de San Francisco, amenizado polos afamados grupos Folkgazais e Son de Cuba.

Ao longo de toda esta intensa xornada a bon seguro que nos cumplimentaremos nas nosas concorridas e coñecidísimas casas de comidas e bebidas.

Domingo 10 de xullo
10.00h. GRAN MERCADO DA HORTA. Na Praza de Abastos desta vila, exposición e venta dos deliciosos produtos da horta ribadense.

11.00h. PASARRÚAS pola vila, a cargo da célebre Asociación Amigos da Gaita.

12.00h. GRAN PASEO polo Ribadeo Indiano. Unha vez máis amenizado pola nosa misteriosa viaxeira. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte deste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.

13.00h. GRAN CONCERTO MUSICAL, no Quiosco da Música desta vila, a cargo da prezada Banda de Música Municipal de Ribadeo.

17.00h. GRAN PASEO polo pioneiro e innovador Centro de formación e experimentación agroforestal Pedro Murias, acompañado polo ilustre profesor e historiador local ribadense Don Eduardo Gutiérrez. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte deste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.

19.00h. Na prestixiosa Escola de Rinlo. EXCEPCIONAL ESTREA MUSICAL do Coro da Mariña.

20.30h. No Círculo Habanero da nosa querida parroquia da Devesa. PROXECCIÓN DA PELÍCULA-DOCUMENTAL “A legacy of smoke” (Un legado de fume) dirixida por James D. Fernández e Luis Argeo. Estará presente no acto John Rañón, fillo de Ángel Rañón, natural da Devesa, emigrado a Tampa (Florida) e un dos protagonistas da película.

21.30h. No Círculo Habanero da Devesa VERBENA DE TARDE a cargo do excelente grupo musical Son de Ley.

Exit mobile version