Site icon Crónica3.com A Mariña

Senra ve nefasta a política de loita contra os incendios forestais que alimenta a cultura do negocio do lume

Santiago, 5 xullo 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), interveu este luns pola noite nas quendas de minuto libre de palabra do pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, para levar á Eurocámara, agora que comeza o verán, a problemática dos incendios forestais.

Durante a súa intervención, a eurodeputada galega advertiu sobre a situación que se vive todos os anos no sur de Europa e, nomeadamente na Galiza, unha vez que chega o verán: Os incendios forestais que estragan miles e miles de hectáreas. “No meu país, a Galiza, estes días asistimos á mobilización do persoal de extinción de incendios da empresa pública Seaga e da Xunta, que denuncian a precarización laboral na que se encontran, con contratos de apenas tres meses no ano”, asegurou Lídia Senra, quen atribuíu esta situación a unha “consecuencia” dunha “política de extinción totalmente nefasta que beneficia á empresa privada e dificulta a loita eficaz contra os incendios ao mesmo tempo que crea unha cultura do negocio do lume”, dixo.

A membro de AGEe avogou por, desde as institucións, actuar en tres niveis. Un: Determinar as causas e os intereses que existen detrás dos incendios provocados. Dous: Políticas activas para acabar co abandono do medio rural e promover a instalación de labregas e labregos e un modelo forestal sustentable. Tres: Todo o servizo de extinción de incendios debe ser público. É necesario acabar coa precarización e a inseguridade do persoal que combate os incendios e tamén dignificar a profesión dos e das bombeiras forestais.

Exit mobile version