Site icon Crónica3.com A Mariña

Valoración positiva da III Feira do Libro de Ribadeo que espallou pola vila a súa programación

piano-libroRibadeo, 4 de xullo de 2016. O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, fixo un balance positivo da III Feira do Libro, que se celebrou do 1 ao 3 de xullo no Parque de San Francisco, e subliñou que a programación do evento se espallou pola vila. As vendas roldaron os 12.000 euros.

O edil nacionalista dixo que “unha vez pasados estes tres días cargados de actos culturais en torno á III Feira do Libro de Ribadeo podemos facer unha valoración positiva de toda esta fin de semana chea de actos culturais, lectura, ventas e moitos paseos polo noso Parque de San Francisco”.

Farruco Graña contou que “programando varias actividades ao día fomos quen de manter un ambiente agradable e atractivo para facer do entorno da feira do libro un lugar ameno e acolledor. Elaborando un programa ambicioso de presentacións tanto de persoas consagradas no mundo da literatura galega, como de veciñas e veciños que tamén fan as súas interesantes achegas ao mundo da edición, démoslle forma a unha feira atractiva e que será lembrada por termos podido coñecer a destacadas figuras da literatura galega”.

O concelleiro de Cultura indicou que “no que ás ventas se refire podemos afirmar que o balance tamén é positivo, xa que pasaron dos 12.000 euros. Foron tres días nos que o fluxo de xente foi continuado, sen grandes sobresaltos, e nos que o tempo e as actividades animaron a mercar libros”.

Graña subliñou que “tamén procuramos que a Feira do Libro se achegase á sociedade ribadense. O grupo de Teatro Ollomao representou teatro nos bares: fixo dúas representacións (no Amodiño Tenda Bar e na cafetería do Cantón), Merchi Rodal, coñecida pola súa participación no programa Larpeiros, de Benigno Campos, visitou o Mercado dos Domingos e levouse unha grata impresión da calidade dos nosos produtos. E Anxo Moure, contacontos, percorreu as rúas ribadenses coa súa Ciclobiblioteca regalando ilusións aos nosos pícaros e pícaras”.

E engadiu que “tamén intercambiamos opinións cos principais editores galegos sobre como darlle un novo pulo ás Feiras do Libro. Tiraremos conclusións de toda esta experiencia e poñeremos en marcha a IV Feira do Libro de Ribadeo aprendendo dos acertos e procurando subsanar os pequenos erros que se puideran ter cometido”.

O acto de clausura da Feira do Libro tivo lugar onte, domingo, á tardiña e contou coa actuación musical de Moito máis que dúas piano ensamble.

Exit mobile version