Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial da Xunta participa na presentación do novo equipamento do Viveiro C.F, que promociona a Semana Santa da localidade

Lugo, 9 de agosto de 2016.- A delegada territorial, Raquel Arias, participou hoxe na presentación do novo equipamento do Viveiro Club de Fútbol, que lucirá na vestimenta publicidade da Semana Santa da localidade.

Arias aproveitou para aplaudir o labor que realizan tanto o club deportivo como as confrarías “na promoción do deporte e da cultura e na dinamización da cidade”. Estes colectivos, afirmou, “forman parte do entramado local, e desenvolven un papel social de gran relevancia que ningunha administración pode suplir”.

A delegada afirmou que Viveiro converteu a súa Semana Santa “nun referente dende o punto de vista cultural e turístico” e sinalou que as confrarías “souberon conservar e engrandecer unha tradición que singulariza a esta cidade”.

Así mesmo, destacou que a relevancia e a fama que foi conseguindo esta cita, declarada de interese turístico internacional, “é un reclamo turístico de primeiro orde para Viveiro, co valor engadido de que desestacionaliza o turismo na vila, achegando visitantes fóra da tempada de verán”.

Turismo de Galicia ten asinado un convenio de colaboración coa Xunta de Cofradías da Semana Santa, polo que lles asigna un importe de 40.000 euros.

Igualmente, a Secretaría Xeral para o Deporte destinou máis de 8.600 euros a nove clubs deportivos de Viveiro, entre eles o Viveiro Club de Fútbol. Recibiron axudas tamén outras disciplinas como o ciclismo, balonmán, piragüismo, baloncesto ou ximnasia rítmica.

Exit mobile version