Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación abriu o prazo de solicitude das subvencións de concorrencia competitiva para entidades e clubs deportivos da provincia

unnamedLugo 29-8-16. A Deputación abriu o prazo de solicitude das subvencións de concorrencia competitiva para entidades e clubs deportivos da provincia, dotadas con 500.000 euros. Así o comunicou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, que subliñou que “para concorrer a estas axudas, destinadas a financiar actividades federadas, eventos deportivos puntuais ou citas con carácter permanente; habilitamos na páxina www.deputacionlugo.gal un espazo no que se atopa toda a información sobre estas axudas; así como a documentación que se debe presentar para optar a elas”. O prazo de solicitude remata o vindeiro día 7 de setembro, inclusive.

Cómpre salientar que o Goberno da Deputación decidiu ofrecer ás entidades e clubs deportivos da provincia que finalmente resulten beneficiados un anticipo da axuda do 80%.

Criterios sociais

Como novidade, incluíronse por vez primeira, criterios sociais nas bases destas subvencións, como medidas en impulso á igualdade e á integración; ou en recoñecemento ao esforzo competitivo dos clubs. Ademais, valorarase positivamente, aos equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. Tamén a aqueles que sexan de localidades pequenas, de Concellos de menos de 2.000 habitantes, especialmente do rural.

Puntuarán tamén os resultados ou ascensos deportivos. Outra das novidades desta programación é que aumentamos o importe mínimo da subvención aos 700 euros, pois antes eran 300. O máximo por axuda é de 4.000 euros.

Exit mobile version