Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación colabora na promoción da II Edición da Feira do Libro de Burela con 3.000 euros

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, participou este sábado na inauguración da II Edición da Feira do Libro de Burela, coa que colabora o organismo provincial cunha achega económica de 3.000 euros, e que se celebra dende o día 26 ata o 28 deste mes na Praza da Mariña.

García Porto saudou este tipo de iniciativas contribúen a dinamizar a actividade cultural dos Concellos da provincia. “A Deputación participa ademais cun stand no que se poden ver as publicacións que realiza o organismo provincial, e tamén contribúe a coñecer a historia local de Burela a través da reedición do libro Burela: Apuntes históricos y Crónica del siglo XX, que se realizou en San Marcos”.

A Deputada remarcou que “as feiras do libro da nosa provincia xa se converteron nun referente do sector cultural, por iso seguiremos apostando por este tipo de propostas que dinamizan as nosas vilas, as nosas letras e a nosa cultura”. García Porto lembrou tamén a aposta do organismo provincial para actividades en impulso da nosa cultura e tradición, dotadas cunha subvención de 400.0000 euros, para programacións de música, baile, teatro, historia, fomento do galego ou promoción do patrimonio.

Programación e Pregón
A praza da Mariña será o escenario desta cita cultural que acollerá diversas actividades como presentacións de libros, actuacións musicais e debates con escritores. O horario de apertura será dende ás 11:30 ata 14:30 horas, e pola tarde dende ás 17:30 ata ás 22:00 horas. O pregón desta nova edición correu a cargo da escritora focense Luísa Castro.

Exit mobile version