Site icon Crónica3.com A Mariña

A inscrición no programa ‘Corpo de Muller’ abre o 18 de agosto en Ribadeo

Ribadeo, 12 de agosto de 2016. Corpo de Muller é un programa posto en marcha pola Concellería de Igualdade dirixido a aquelas mulleres que desexen mellorar a súa utilización corporal cun método de fisioterapia suave, progresivo e activo, a Reeducación postural global.

Este programa conta cunha oferta dirixida a mulleres en varias situacións da súa vida. Os Talleres previstos son:

-Taller de reeducación da columna: Unha postura incorrecta fixa ou recorrente supón un gasto enerxético no sistema corporal, para evitar ese desequilibrio outras partes do corpo deben realizar un sobreesforzo, dando lugar a longo prazo ao malestar, cansancio, estrés e accidentes casuais.

-Taller de activación do perineo: É unha liña de traballo que implica o periné nas accións de todo o corpo. Preséntase como unha sesión de ximnasia colectiva, con esta diferenza que todos os movementos son selectos e postos xuntos cun obxectivo constante: introducir varias formas de solicitación do periné.

-Taller de embarazo e movemento: Os cambios no embarazo van máis alá dun aumento do diámetro da barriga: columna, cadeiras, órganos, articulacións e músculos iranse adaptando para albergar o bebé.O movemento adaptado ao embarazo e a cada embarazada en particular ten moitos beneficios

-Taller de postparto e masaxe Shantal a onde poden acudir se o desexan coas súas crianzas: Atenderanse os principais cambios fisiolóxicos que notan as nais durante o posparto, principalmente no solo pélvico (que foi estirado, distendido e pode tamén que esgazado) e na musculatura abdominal que queda distendida e lánguida (acentuándose as alteracións posturais e as dores a nivel lumbar).

Os Talleres desenvolveranse a partir do 12 de setembro e ata o 15 de decembro en varios días a semana e horarios. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 18 de agosto. Establécese unha única cota a modo de matrícula para as alumnas. O prezo público para poder asistir aos diferentes Talleres será o mesmo variando en función do número de horas ás que se anote a interesada (1 hora á semana: 30 euros, dúas horas: 50 euros e tres horas á semana: 70 euros.)

As interesadas en acudir a estas actividades poden obter máis información no Centro de Información ás Mulleres, no teléfono 982 120 739 ou no e-mail cim@ribadeo.org.

Exit mobile version