Site icon Crónica3.com A Mariña

A mancomunidade organizará cursos para mellorar os servizos de restauración e de hostalería na comarca

A Mariña, 1 de agosto de 2016. A Mancomunidade de Municipios de A Mariña celebrará este martes dúas reunións para abordar cuestións relacionadas co turismo e co emprego. Na primeira delas abordarase a organización de cursiños para a mellora dos servizos de restauración e de hostalería, entre outros asuntos, e na segunda tratarán o plan Avanza para a promoción do emprego, que se desenvolverá en seis concellos.

O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, explicou que “este, martes, teño convocadas dúas reunións, unha delas é unha comisión de seguimento do programa de turismo. Ímonos reunir coa técnica de turismo da Mancomunidade para ir mirando de executar todo o que temos programado para os vindeiros meses como son as rutas artesanais, o mes da maxia e outras cuestións que estamos aí pendentes como é a promoción do Camiño Norte ou en materia de ensino, xa que queremos poñer en marcha a partir do mes de setembro unha iniciativa, que constaría de tres partes unha delas sería a Mancomunidade, outra sería a educación e outra as asociacións de comerciantes de A Mariña. Queremos comezar en setembro con cursiños, xornadas ou simposios sobre cómo mellorar os nosos servizos de restauración e hostalería aquí na Mariña”.

Alfredo Llano dixo que “reunirémonos ás 18:00 horas para mirar de xa ir culminando e preparándonos para executar o que queda de programa para este ano. Lembrar que a comisión está conformada por un representante do Bloque, un do PSOE e outro do PP”.

O presidente da Mancomunidade contou que “por outro lado tamén temos aquí previsto para seis concellos que son Barreiros, Mondoñedo, Pontenova, Riotorto, Burela e Vicedo, desenvolver o que é a posta en práctica do programa integrado para o emprego. É o programa Avanza que está dotado na súa totalidade de 112.000 euros dos cales teñen que poñer unha parte os concellos e outra parte a Xunta de Galicia”.

Llano subliñou que “neste programa participarían 60 persoas das cales 4 serían para persoas desempregadas con discapacidade, 5 para persoas desempregadas en risco de exclusión social incluídas as perceptoras do RISGA, outras 3 para mulleres desempregadas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero, 22 para menores de 30 anos desempregados de baixa cualificación, 14 para menores de 30 anos e 12 para mulleres desempregadas. En total 60 persoas. A subvención di que hai que facer unha inserción de 21 persoas para darlles unha oportunidade laboral unha vez que estean ou ben facendo esta formación ou unha vez que rematen”.

O presidente da Mancomunidade engadiu que “este é un programa que empezaría posiblemente o 1 de setembro e remataría o 31 de agosto do ano que ven. Cada concello ten que aportar unha cantidade, este ano todos igual en torno a 2.000 euros e o ano que ven sería outra cantidade un pouco maior. Mañá imos falar os seis representantes de cada un dos concellos de a ver cómo facemos e cómo nos organizamos, se é posible que haxa solvencia en todos os concellos para enfrontarnos a este programa. Eu considéroo importante no aspecto de que trataríamos da inserción laboral dunhas persoas que pola súa natureza, polas súas condicións e pola súa dificultade para atopar emprego, creo que faríamos unha boa labor se nos poñemos de acordo”.

Exit mobile version