Site icon Crónica3.com A Mariña

A praia de O Torno acollerá este mércores as actividades da campaña separemos ben, reciclaremos mellor

Cervo, 8 de agosto de 2016. A praia de O Torno acollerá este mércores, día 10, as actividades enmarcadas na campaña Separemos ben, reciclaremos mellor levada a cabo polo Concello de Cervo en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e SOGAMA.

A concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, anunciou hoxe que “desde o Concello de Cervo imos iniciar unha nova edición da campaña institucional Separemos ben, reciclaremos mellor, que promoven a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e SOGAMA, contando coa colaboración e apoio de Sistemas Integrados de Xestión de envases lixeiros, de vidro, pilas e aparellos eléctricos como son Ecoembes, Ecovidro, Ecopilas, etcétera”.

Manuela Méndez subliña que “con esta edición da campaña preténdese mellorar a concienciación ambiental da veciñanza e motivar a colaboración na correcta xestión dos residuos municipais”.

A responsable de Medio Ambiente engadiu que “esta campaña levarase a cabo este mércores, día 10 de agosto, no concello de Cervo. Estaremos na praia de O Torno cun aula móvil da Consellería con dous monitores ambientais, que se encargarán de explicar aos presentes as pautas para unha adecuada recollida selectiva de residuos tratando deste xeito de mellorar a concienciación ambiental da veciñanza. Haberá para os máis pequenos un inchable e un xogo de reciclaxe de SOGAMA. A ecopatrulla está formada por dous monitores ambientais que percorrerán o areal de O Torno para celebrar estas actividades sensibilizando a toda a xente e facendo recollidas simbólicas de residuos. O horario será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas”.

A concelleira de Medio Ambiente en Cervo fai un chamamento: “desde o Concello de Cervo pedimos á participación cidadá e damos grazas xa de antemán pola colaboración”.

Exit mobile version