Site icon Crónica3.com A Mariña

A sentenza da Audiencia Provincial sobre as licenzas de Viveiro confirma a utilización política da xustiza que tentou facer o PP, di o BNG

A Mariña, 6 de agosto de 2016. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña amosa a súa satisfación coa sentenza xudicial da Audiencia Provincial de Lugo que resolveu o proceso iniciado no 2006 por unha denuncia do portavoz do Partido Popular en Viveiro naquel momento, César Aja.

A responsábel comarcal, Ana Ermida, manifestou que “a sentenza só veu a ratificar o que todo o mundo sabía en Viveiro e na comarca: que César Aja utilizou a vía xudicial para venganza persoal contra quen democraticamente o desaloxara da alcaldía e para tratar de tapar as súas actuacións.”

A formación nacionalista comarcal lamenta ao respecto que “a lentitude e os prolongadísimos prazos dos procedementos xudiciais mantiveran nesta situación manifestamente inxusta ao nosso compañeiro Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, que tivo que soportar a nivel político e persoal que sobrevoasen dúbidas sobre a súa actividade no Concello de Viveiro, durante dez anos.”

“Dende logo que xustiza faríase completamente se este compañeiro se puidese ver resarcido pola situación vivida, mais o fallo xudicial non pode máis que alegrarnos no sentido de que tamén a xustiza recoñeceu contundentemente a actuación de Rodríguez Guerreiro axustada aos criterios técnicos e xurídicos”, sinala Ana Ermida.

Exit mobile version