Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de solicitude das actividades gratuítas do Verán Cultural 2016

– Asociacións e Concellos poderán solicitar calquera das actividades que conforman esta progamación, a partir das 10:00 horas, en www.deputacionlugo.gal
– A través desta iniciativa, que complementa o Cultura Aberta e o Cultura sobre rodas, a Deputación achega de balde accións culturais ao rural
– Actuacións musicais, obras de teatro, monicreques ou maxia, son só algunhas das actividades que se ofrecen nesta programación cultural

Lugo, 25 de agosto de 2016. Aberto o prazo de solicitude das actividades do Verán Cultural, unha iniciativa coa que a Deputación achega a rural da provincia actividades gratuítas de caracter lúdico-cultural. A partir das 10:00 horas do venres, 26 de agosto, Concellos e Asociacións poderán formalizar a súa solicitude no espazo habilitado na web www.deputacionlugo.gal. Esta iniciativa inclúese dentro do grupo de actividades gratuítas do Cultura Aberta e Cultura sobre rodas.

Esta programación desenvolverase durante o mes de setembro e está destinada a apoiar a asociacións culturais e Concellos para completar os seus programas de ocio, ofertando aos diferentes colectivos culturais un amplo abano de actividades. Os Concellos e asociacións culturais que queiran optar a participar nesta actividade deberán presentar no Rexistro Xeral da Deputación a documentación que se atopa no espazo habilitado na web da Deputación.

As actividades que poderán solicitar son: espectáculos de musica de rúa, con Airinhos da Freba; concertos de Zoelas, Quempallou, Puntada sen Fío ou Leña Verde; pasarrúa da man de Cé Orquestra Pantasma; actuacións de teatro e clown con Peter Punk, Volta e Dalle, Babaluva Teatro ou Mago Rafa, entre outros.

Cultura Aberta
Arredor de 2.000 persoas acudiron as máis de 30 actividades que organizou a Deputación de Lugo co Cultura Aberta. Cómpre lembrar que con esta programación o organismo provincial ofreceu, entre outros, música en directo, representacións teatrais, películas e curtametraxes, ademais de todo tipo de actividades para os máis pequenos.

Cultura sobre rodas
Este proxecto provincial consta de 35 actuacións, totalmente gratuítas, que percorren os Concellos da provincia, ata o 15 de setembro, a través de Asociacións destes municipios. A Deputación fai unha achega de 18.000 euros para a celebración desta actividade, na que o grupo teatral “Lucecús Teatro” representa “A verdadeira historia” do poeta Manuel de Paderna, que toma como base textos de Manuel María.

As próximas representacións serán:
– O 24 de agosto ás 20:00 horas na Praza da Vila de Sarria a través da Asociación de Comerciantes e Empresarios.
– O 26 de agosto ás 20:00 horas no Campo da Festa do Valadouro a través da Asociación de veciños Moucide.
– O 27 de agosto ás 20:00 horas no Salón de actos da Fonsagrada a través do Padroado do Museo Comarcal.
– O 28 de agosto ás 19:00 horas en Folgoso do Courel a través da Asociación Buraca das Grellas.

Exit mobile version