Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano lembra que a recadación do IBI e do imposto de vehículos de tracción mecánica será feita pola Deputación de lugo, tal e como se acordou no seu día

Burela, 25 de agosto de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, lembra que a recadación do IBI e do imposto de vehículos de tracción mecánica será realizada pola Deputación Provincial de Lugo, tal e como se acordou coa firma dun convenio entre as dúas administracións. Llano subliña que a Deputación se comprometeu a respectar os dous prazos do pagamento do IBI en Burela, pero que debido ao traballo que ten que asumir este ano o servizo de recadación foi imposible manter esas datas (xuño e outubro) e será agora en outubro cando ese recibo se pase ao cobro. O rexedor aclara que en ningún momento o equipo de goberno adoptou esa medida.

Alfredo Llano explicou que “este ano como se fixo o convenio para diferentes concellos de toda a provincia a Deputación non puido respectar eses acordos plenarios de repartir, por exemplo, en dous prazos o cobro dese imposto. Polo tanto este ano por esta razón e porque hai demasiado traballo acumulado na Deputación non se puido facer en dous prazos e vaise facer todo o cobro nunha soa vez, que será no mes de outubro”.

O rexedor insiste en que “non foi o Concello quen decidiu facer isto, non tivemos nada que ver. É unha falacia dicir que o Concello tomou a decisión de facer un só cobro, cando non é verdade. O que fixemos foi a través dun acordo plenario realizar o cobro en dous prazos: un no mes de xuño e outro no de outubro. Pero este ano non se puido facer así pola situación de acumulación de traballo na que se atopa a Deputación”.

E engadiu que “a todos os que viñeron preguntar ao Concello xa se lles dixo e penso que todo o mundo está mentalizado de que vai ter que pagar todo no mes de outubro”.
Llano referiuse as críticas vertidas polo BNG: “quero aclarar tamén que hai unha insinuación do Bloque Nacionalista Galego de que o Concello decidiu facer só un cobro, o que non é verdade. Que se faga así non é culpa para nada do Concello. Así que a min paréceme que iso é enganar. Este tipo de decisións non as toma o equipo de goberno por libre senón que se acordan no pleno da Corporación. Polo tanto para o ano que vén volverase a cobrar en dous prazos”.

Exit mobile version