Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras de mellora do parque Rosalía de Castro comezarán o 26 de agosto en Burela

Burela, 24 de agosto de 2016. O concelleiro de Obras de Burela, Ramiro Fernández Rey, anunciaba este mércores o inicio das obras de mellora no parque Rosalía de Castro “o vindeiro venres, día 26, comezarán as obras de reposición de suelos, pasando a ser suelo continuo, toda a superficie do parque e tamén se cambiarán os xogos na zona superior do parque”.

O edil socialista sinala que “esta obra era moi necesaria e solicitada polos veciños e unha prioridade para este equipo de goberno, xa que éramos conscientes do deterioro que estaba a producirse no parque Rosalía de Castro, e o gran número de usuarios que ten esta instalación. Temos que recordar que a inversión que se vai facer roldará os 40.000 euros e que esta inversión garantirá que imos a contar cun parque moderno e cunha superficie adaptada ao uso e disfrute dos nenos”.

O concelleiro de Obras tamén quixo “pedir desculpas polas molestias que poidan causar as obras durante a súa realización, pero o máis importante para o equipo de goberno é que as obras se fagan o máis rápido posible, e coas máximas medidas de seguridade”. O prazo de execución da obra, se as condicións meteorolóxicas acompañan, non debería exceder as tres semanas e así o manifestou a empresa adxudicataria da obra.

Ramiro Fernández Rey lembra que “se vai actuar en todas as zonas infantís do concello, xa que somos conscientes que nalgunha os xogos non están nas condicións nas que deberan estar, cousa que xa detectamos en canto entramos no goberno, así que é evidente que unha das prioridades nos vindeiros meses vai ser o arranxo e a adecuación destas zonas de esparcemento dos nenos. Así dentro do convenio que o Concello asinará coa Deputación Provincial de Lugo xa vai unha partida de 12.000 euros para estes arranxos que comezaremos a acometer á maior brevidade”.

Exit mobile version