Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG: “Co PP a sanidade retrocedeu, as infraestruturas seguen paradas e pérdense postos de traballo”

A Mariña, 18 de agosto de 2016. “Os gobernos do Partido Popular son nefastos para as persoas e para os servizos públicos”, asegurou a responsable comarcal do BNG na Mariña, Ana Ermida.

“É insultante para as veciñas e veciños da nosa comarca que o PP se atreva a dar por boa a súa xestión en materia de sanidade ou de emprego”, afirman desde o BNG.

Desde as filas nacionalistas lémbranlles aos representantes populares que “durante os seus gobernos a área sanitaria da Mariña perdeu competencias para derivalas a Lugo, a onde, por certo, hai que ir facer probas diagnósticas importantes que non se fan ou se atrasan no Hospital da Costa. Pero ademais, isto tivo dramáticas consecuencias non só no hospital, senón tamén na atención primaria, perdéndose prazas médicas nos centros de saúde de Ribadeo, Cervo, Xove, Ourol ou O Vicedo; ou tendo serios problemas coas prazas de pediatría en Burela ou Lourenzá e Mondoñedo, por pór só algúns exemplos.”

“Por se isto fose pouco, inciden desde o BNG, os retrasos en áreas tan sensibles como cardioloxía chegan a perto de un ano e séguense dando indicacións e primas económicas ao persoal sanitario para que rebaixe gasto farmaceútico.” “Non podemos esquecer que durante estes anos mesmo chegou a haber carencias de material básico nos centros de saúde e seguen sen cubrirse vacacións mesmo en época de verán, cando a poboación se multiplica.”

As infraestruturas só se usan para reclamo electoral
Para a formación nacionalista falar de avances nas infraestruturas na comarca de A Mariña “é un ataque directo á intelixencia de todas nós. As obras da conexión San Cibrao-Ferrol aínda están executándose, tras cerca de dez anos de atraso, e só se prevé abrir o tramo San Cibrao- Celeiro, sen dar solución á variante de Viveiro, converténdoa nunha vía morta sen saída por ningún lado. Porque tampouco podemos esquecer que o Partido Popular no goberno do Estado tampouco fixo nada para axilizar o tramo Barreiros- San Cibrao”, afirman.

“Que o gran logro que poidan vender sexa os accesos ao porto de Burela, tras moitos anos de atraso, non pode servir para pagar a débeda histórica que os gobernos do PP teñen coa Mariña”.

A perda de emprego e o peche de empresas é constante
“Que o PP, o partido do paro, presuma dos datos de emprego sería para rir se a situación non fose dramática”, aseverou Ana Ermida. “Na nosa comarca os anos de goberno Feijoo o único que deixaron foi un regueiro de empresas pechadas e execucións de ERE’s sen que a Xunta de Galiza, con competencias na materia, dese un só paso para frenar a sangría de desemprego.”

“Desde os ERE’s de Sargadelos ou Hermida ao peche de empresas como Contrucciones Mon, Gres Burela, Ecar ou Conservas Alonso; o resultado do paso do PP polo goberno galego só deixa perda de emprego e emigración”, afirman desde o BNG.

“O emprego que se crea, como en todo o País, é precario e en condicións nefastas; pero ademais, nesta comarca é absolutamente estacional e só se crea emprego vinculado a temporadas como a estival ou a de rebaixas. Se isto é o logro do PP, o mellor é aplicarlles a eles a mesma política laboral e asinar o seu despido o vindeiro 25 de setembro”, sentenciou Ana Ermida.

“O balance co que se deberan presentar os populares na comarca é o dos centos de familias con todas as persoas en paro ou as que xa non teñen aquí a todos os seus membros porque tiveron que marchar buscar un emprego que durante o goberno Feijoo perderon”, conclúen.

Exit mobile version