Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia anuncia unha precampaña intensa dos populares lucenses na que percorrerán todas as comarcas da provincia

Lugo, 23 de agosto de 2016.- A presidenta provincial do Partido Popular en Lugo, Elena Candia, anunciou que a súa formación política desenvolverá desde hoxe mesmo unha intensa actividade de precampaña coa que os populares estarán presentes en todas as comarcas da provincia.

Con este obxecto, o PP de Lugo vén de deseñar o seu calendario de actos no que ademais das reunións habituais con cargos públicos do partido en todas as bisbarras, para impulsar os equipos electorais, están previstos encontros sectoriais cos principais representantes do tecido asociativo, empresarial e social da provincia.

Candia explicou que vén de constituírse o comité de campaña que coordinará José Manuel Balseiro, quen atesoura unha longa experiencia no deseño e organización deste tipo de actividades. Sinalou tamén que o obxectivo fundamental será afondar en actos de proximidade, nos que non só farán balance da acción de goberno nas últimas lexislaturas senón que aproveitarán para presentar os distintos compromisos que o PP adquire cara o futuro.

Este mesmo mércores, ás 12.00 horas, en Lugo, e coa presenza do presidente Alberto Núñez Feijóo, o PPdeLugo reunirá a súa Xunta Directiva Provincial para realizar a presentación da candidatura que encabeza o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Candia puxo en valor a unidade e o proxecto de futuro claro que tanto para Galicia como para a provincia de Lugo representa o PP, fronte ao resto de partidos que o único que comparten é que queren botar ao PP do Goberno.

Exit mobile version